Chega a Santiago Albert Fert, un dos grandes responsables da revolución informativo-dixital dos nosos días

mércores, 28 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

O investigador francés fotografado por Bruno Fert, achega de Invisuphoto

A edición 2010 do Programa ConCiencia xa está metida en faena. Segundo nos contan a Universidade e o Consorcio de Santiago (organizadores do evento de divulgación científica), o investigador francés Albert Fert (Nobel de Física en 2007) estará en Compostela os vindeiros días para participar nas diversas actividades de celebración do coñecemento tecnolóxico desta quinta convocatoria da iniciativa. Fert, que acadou o devandito premio (compartido con Peter Grünberg) polo achado da magnetorresistencia xigante (fenómeno que provocou un antes e un despois no eido do rexistro e o acceso á información), ofrecerá este xoves 29 un relatorio sobre o mundo da espintrónica e os seus compoñentes: electróns, espíns, computadoras e teléfonos. A cita será ás 20.00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, no número 18 da Carreira do Conde.
O evento, informa a USC, disporá de tradución simultánea e que se retransmitirá por videoconferencia na Sala de Xuntas da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Previamente, ás 19:00 horas, será recibido en San Xerome polo reitor Senén Barro.
Xa o venres 30 Albert Fert reunirase, ás 10:30 horas no Centro de Estudos Avanzados, cos principais líderes españois no eido da chamada “espintrónica”. Este cumio científico, denominado “Spaintronics”, contará ademais coa participación do tecido investigador galego.
Como se dixo, Fert acadou o Nobel polos seus descubrimentos no eido da magnetorresistencia xigante. O seu achado, sinala a USC, foi unha das principais aplicacións reais no ámbito da nanotecnoloxía, presente hoxe en día nos ordenadores portátiles ou nos reprodutores portátiles.

PUBLICIDADE