Chega a Rede WiMAX aos polígonos industriais de Arzúa e Meaño
luns 1 de marzo do 2010, por |
Proseguindo co seu labor de levar Internet de alta
velocidade a tódolos polígonos industriais de Galicia, a Xunta fará posible
que, en breve, os empresarios e empresarias dos polígonos de Arzúa e Meaño
poidan dispoñer de acceso á Rede para a súa actividade diaria, algo que na
sociedade actual se converteu xa nunha ferramenta imprescindible para competir
no mercado en igualdade de condicións.
Xa que logo, estas dúas áreas industriais disporán de Rede
WiMAX para acceder á banda larga a partir de mañá martes, 2 de marzo, posto que
ámbolos dous se incorporan ao proxecto WiMAX en polígonos industriais e parques
empresariais que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e
Innovación Tecnolóxica no noso país.
A intención do executivo é paliar as carencias no acceso a Internet
de banda larga nestes puntos xa que, segundo afirman, “as deficiencias no acceso a unha Rede de calidade nestas zonas provocan
unha diminución considerable na capacidade das empresas alí radicadas para
competir no mercado actual”.
A incorporación a
esta iniciativa do Parque Empresarial de Arzúa e do Polígono Industrial de A
Pedreira, no Concello de Meaño súmase a outros 25 parques da Comunidade que xa
tiñan operativa a citada rede e, segundo informan dende a Xunta, “outros sete parques empresariais e polígonos
industriais incoroporaranse ao proxecto nos vindeiros meses”.
O obxectivo deste
proxecto é solucionar o acceso a Internet das diferentes empresas situadas
nestes emprazamentos mediante unha actuación que conta cun orzamento de 4,8
millóns de euros, e que, sufragada en parte por fondos FEDER, se iniciou xa en
febreiro de 2008. Neste sentido, a implantación da WiMAX –rede que permite a
transmisión de datos empregando ondas radioeléctricas– permitirá aos polígonos
arranxar unha grave carencia ao tempo que dotará as diferentes zonas dunha gran
capacidade de atracción para acercar novas empresas.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















