Chega a Ferrol a exposición Galiciadixital

venres, 26 de novembro do 2010 Raquel Noya

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, desprazouse hoxe ata Ferrol para inaugurar a exposición itinerante Galiciadixital, que botou áncoras nesta cidade para amosarlle a toda a cidadanía os contidos máis innovadores en materia de interactividade chegados da man da Secretaría Xeral de Medios.
Durante o acto de inauguración, o delegado sinalou que todos os contidos que se exhiben na mostra están feitos por empresas e universidades galegas e convidou aos visitantes a facer unha viaxe virtual e interactiva pola nosa comunidade, a través das distintas ferramentas que ofrece esta peculiar mostra.
Calvo estivo acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel M. del Real, quen agradeceu a colaboración coa Secretraría Xeral de Medios e lembrou que esta exposición se enmarca dentro das actividades organizadas con motivo do Centenario do Porto. Aproveitou tamén para animar aos veciños de Ferrol e comarca a visitala.
Pola súa banda, a directora da TVG, Rosa Vilas, manifestou o orgullo da entidade por celebrar os seus primeiros 25 anos e amosouse “enormemente satisfeita de facelo no escaparate privilexiado da exposición Galiciadixital da Secretaría Xeral de Medios”.
Galiciadixital, ao igual que en anteriores ocasións nas que se achegou a caseque tódolos recunchos da nosa xeografía, poderá visitarse de balde na sala de exposicións do Porto de Ferrol en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas ata o vindeiro día 1 de decembro.
Entre as actividades ofertadas, inclúe os seus contidos habituais como o xogo Aerodeslizadores por Compostela, o canciño robótico Axóuxere ou o Tiraboleiro virtual, que lle permitiará aos visitantes converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día.
Asemade, as persoas que se acheguen ata as instalacións temporais de Galiciadixital en Ferrol, poderán somerxerse nun mundo virtual a través da proxección da película Meta do Camiño, unha curtametraxe en 4-D que lle engade ás tres dimensións efectos especiais de vento, aroma e fume. Nela, un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido polos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela. Algúns destes sitios non son accesibles doadamente para o visitante convencional, como o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados ou o impactante botafumeiro que os vistantes poderán tocar (sempre virtualmente) coas súas propias mans.

PUBLICIDADE