Chega a España o xogo na nube de Amazon

mércores, 15 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Amazon Luna tamén achega xogos de Ubisoft (mercados ou mediante subscrición)

Hai un par de anos Amazon presentou a súa plataforma de xogo na nube para EE.UU., e hoxe o servizo chega por fin a España, de xeito que podemos gozar do xogo en streaming dende unha chea de dispositivos como ordenadores persoais, tabletas, Chromebooks, smartphones e mesmos televisores conectados, evitando así a necesidade de contar cunha consola de videoxogos, ou incluso simplemente para poder xogar a título non dispoñibles para a túa plataforma (por exemplo, permite botar a unha partida a Fortnite no iPhone ou no iPad).
Amazon Luna permite que os xogadores con Prime poidan gozar sen custo adicional de xogos como Fortnite, Encodya, Get Packed: Couch Chaos, Qubo, Ride 4, Tiny Lands e Trackmania, que irán rotando con outros xogos, sendo tamén posible ligar a conta de Luna coa de Ubisoft para poder xogar en streaming aos títulos da marca que xa se adquirisen dixitalmente (o que resulta moi práctico, xa que permite levar estes títulos a máis dispositivos e mesmo evitar a molestia de ter que descargalos e instalalos se simplemente queremos botar unha partida rápida).
O sistema de Amazon Luna está aberto a tres opcións de subscrición diferentes: por unha banda está o servizo propio de Amazon, Luna+, que por 9,99 euros/mes ofrece xogos como Team Sonic Racing ou Batman: Arkham Knight; tamén é compatible con Ubisoft+, servizo que por 17,99 euros achega xogos como Assassin’s Creed Mirage e Far Cry; e tamén acepta subscricións a Jackbox Games, que por 4,99 euros conta con xogos para festas como Trivia Murder Party e Drawful.
Aínda Luna é compatible con mandos USB e Bluetooth, Amazon comercializa un mando específico, que tira proveito da tecnoloxía Cloud Direct para unha mellor experiencia (por exemplo, non precisa emparellarse aos distintos dispositivos nos que queiramos xogar) que está valorado en 69,99 euros, pero que sae á venda en promoción a un prezo de 39,99 euros. Este mando tamén ten dispoñible un clip que pode mercarse por 14,99 euros e que serve para suxeitar o smartphone para transformar o mando nunha especie de consola portátil.
A chegada de Amazon Luna resulta bastante oportuna, xa que o peche de Google Stadia deixou un oco no mercado que a compañía de Jeff Bezos pode aproveitar para tomar posicións neste segmento do sector dos videoxogos que conta cun enorme potencial.

En Amazon Luna tampouco fallan os xogos que poden controlarse con teclado e rato

PUBLICIDADE