Chega a España a comunidade en liña de fútbol-afeccionados, Fubles.com

xoves, 29 de setembro do 2011 Raquel Noya

Con máis de 50.000 usuarios rexistrados, 4.000 campos de fútbol e preto de 1.000 partidos xogados ata a data, chega a España a comunidade en liña de seareiros de fútbol máis importante de Italia, outro país onde, coma no noso, este deporte move masas (e cartos) dende a máis alta ata a máis baixa das categorías.
Fubles é un servizo en liña totalmente gratuíto que lle axuda ás persoas rexistradas a atopar e reservar os campos dos que poden dispoñer nas zonas que lle interesen, e que permite formar novos equipos e competir con eles a partir do contacto con outros internautas rexistrados.
A ferramenta, que ten feitura de rede social e que está totalmente en español, conta co apoio dunha serie de community managers establecidos nas principais cidades do Estado, que facilitan a tarefa de organizar partidos en cadansúa área xeográfica e promoven a celebración de debates online antes e despois dos partidos.
Fubles.com naceu da idea dun mozo enxeñeiro apaixonado polo fútbol que, co tempo, logrou agrupar cada vez a máis afeccionados, e incluso captar a atención dun grupo de investidores italianos que financiaron o lanzamento desta starup que é agora “a rede de fútbol en liña máis activa de Europa”.
A páxina que Fubles lanza agora en España é totalmente social e interactiva, e un dos seus puntos fortes é a maneira na que os xogadores poden relacionarse entre eles, posto que emprega a mesma lóxica de Twitter: con seguidores de amigos e de usuarios que organizan os partidos máis interesantes da zona. Deste xeito, as persoas rexistradas poden dar conta das quedadas que se organizan e participar activamente nos clásicos debates de despois do partido, co inconveniente de ter que renunciar ás míticas “cañas” que se toman como reconstituínte, unha actividade que as novas tecnoloxías aínda non permiten realizar de xeito virtual.
Na súa páxina de portada, Fubles.com ofrece unha visión de conxunto de todas as informacións que os usuarios precisan para escoller ou seguir a evolución dunha convocatoria, o resultado dun partido ou mesmo as incidencias dos eventos.
Porén, como se do fútbol máis tradicional se tratase, Fubles tamén ten unha función de “procurador”, de bastante utilidade para aqueles usuarios que non teñen tempo para navegar, e que deben delegar nun amigo a xestión do seu perfil e o rexistro para os partidos.
Este pioneiro servizo, engadido ao sistema de notas e cualificacións dos xogadores (que se pode facer de maneira pública ou anónima), fan desta rede social unha das máis útiles en materia futbolística, mais iso si, non válida para vagos nin amantes do “sillón-ball”.

PUBLICIDADE