Chega a Alemaña a proposta interactiva sobre a diversidade lingüística do Camiño

martes, 22 de novembro do 2011 Redacción

A iniciativa multicanle da que falamos recentemente nesta web e que se dirixe a conmemorar a diversidade cultural e lingüística do Camiño de Santiago fíxose iniciativa móbil. De feito, segundo sinalan os responsábeis da mostra-web, a iniciativa botouse ela tamén ao Camiño. Así nolo contan dende Política Lingüística, que informa de que a exposición chegou este 22 de novembro a Alemaña (logo de partir de Compostela e facer escala en diversos puntos de Nafarroa) co obxectivo “de pór en valor a riqueza cultural no ámbito europeo a través do galego”. A nova parada é en Kiel, onde a exposición, en boa medida interactiva, ficará alí até o 19 de decembro.
A mostra foi inaugurada na cidade xermana, máis polo miúdo na sede do Parlamento rexional, polo Centro de Estudos Galegos da Universidade local, e intégrase no proxecto europeo Camiño das culturas e das linguas. A exhibición componse de nove paneis que dan acubillo a información diversa sobre unha cuestión ben diversa e universal: o Camiño. Inclúese, como material a destacar, un panel interactivo para que os visitantes poidan deixar os seus comentarios, intereses ou opinións para o web do proxecto.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística coordina o proxecto, que conta co apoio do programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea e no que tamén participan institucións gobernamentais, universitarias e académicas de Occitania, Bretaña, Navarra, Aragón e Alemaña, entre as que se encontran a Universidade de Kiel, colaboran nesta iniciativa. O acto de inauguración da exposición contou coa participación do conselleiro de Cultura do Estado federado de Schleswig-Holstein, Ekkehard Klug, e do responsable do CEG de Kiel e catedrático desta universidade, Javier Gómez Montero.
Durante o acto, infórmase dende Política Lingüística, o CEG de Kiel tamén presentou un caderno sobre as linguas do Camiño, entre as que se inclúen o frisio, o baixo-alemán, o occitano e o galego. “A publicación”, engádese, “recolle textos escritos por peregrinos do Norte de Alemaña, pequenos ensaios sobre rutas xacobeas nos países escandinavos e traducións ao inglés e ao alemán de textos literarios escritos en galego por distintos autores, como Manuel Rivas ou John Rutherford”. Este material pode descargarse na páxina web do proxecto: www.camino-eu.com.

PUBLICIDADE