Chega Snapshot, a ferramenta que amplía as buscas de Bing

mércores, 18 de xuño do 2014 Redacción

Bing, o buscador web de Microsoft, conta dende agora cunha ferramenta que achega resultados relacionados coa procura que se faga na Rede de cara a aumentar o valor da información. Deste xeito anunciaba Microsoft a dispoñibilidade en España de Snapshot, a ferramenta en cuestión que amosa resultados relacionados coas procuras de Bing. Así: na columna dereita do buscador proporcionarase información relevante ligada coa procura, para que os resultados sexan moito máis completos.
Bing non só ofrecerá aquilo que se persegue atopar, senón tamén información relacionada, como hoteis preto dunha cidade da que se desexe obter información, opinións sobre o hotel que se precise atopar, sitios históricos, personaxes, etc.
A tecnoloxía de Snapshot está deseñada para entendelo todo. Se unha persoa busca unha canción ou unha cidade, Bing axuda a proporcionar respostas sobre as persoas, lugares e cousas que están relacionados con esa canción, artista ou personaxe. A información que aparece na columna da dereita provén de múltiples conexións dos datos e a información a través das procuras máis empregadas en Bing. Asemade, para que a procura sexa máis acertada e áxil, Bing traballa con empresas como OpenTable, TripAdvisor, Wikipedia, Booking.com ou Xbox Music, integrándoas así na procura de Snapshot.

PUBLICIDADE