Chega Ciencia en feminino, un programa de podcast e vídeo-podcast da Deputación de Pontevedra

luns, 11 de marzo do 2024 S. P.

Para festexar o 8M, Día Internacional das Mulleres, a Deputación de Pontevedra na súa programación deseñada para celebrar esta data, propuxo Ciencia en feminino, unha serie de podcast e video-podcast para reivindicar o papel da muller nas ciencias e na investigación. Estamos a falar de dúas charlas coloquio e dúas conferencias que afondarán nas vocacións femininas, o emprendemento na ciencia, a investigación no estranxeiro ou os teitos de cristal.
Indo ao programa, dicir que comezará este xoves, 14 de marzo, cun debate no que Alicia Bruzos, bióloga especializada no estudo dos cancros contaxiosos en animais mariños; Uxía García, primeira doutora en Aeroespacial pola Universidade de Vigo e actualmente investigadora en atlanTTic; e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña, debaterán xunto á deputada de Igualdade, Sandra Bastos, sobre as vocacións femininas.
O xoves 21 de marzo terá lugar a conferencia de Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga e CEO de Hifas da Terra, e o programa continuará o 4 de abril, cunha mesa redonda centrada na investigación no estranxeiro na que se darán cita Raquel Lama, investigadora sobre a viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, investigadora sobre cambio climático en California; e Carmen Figueiras, investigadora sobre gripe en Londres.
Ciencia en feminino rematará o 11 de abril cunha conferencia a cargo de Begoña Vila, astrofísica especializada no estudo de galaxias que traballa como enxeñeira de sistemas na NASA. As dúas charlas coloquio e as dúas conferencias poderán seguirse en liña.

PUBLICIDADE