Celébrase o 25 aniversario do primeiro correo electrónico enviado dende a nosa terra

luns, 11 de novembro do 2013 Redacción

O investigador e catedrático Carlos Pajares nunha foto de El Correo Gallego de Ramón Escuredo

Esta fin de semana o primeiro correo electrónico subministrado dende a nosa terra celebrou o seu 25 aniversario. Ben, quen o celebrou non foi o e-mail en si mesmo, que non sabemos se existirá aínda, senón a comunidade educativa, docente e investigadora da Universidade de Santiago, que foi de onde saíu o correo en cuestión. Máis polo miúdo, das mans do que daquela era o reitor da Facultade de Física, amais de catedrático do centro, Carlos Pajares. O miolo do mesmo non semellou moita cousa (un simple “recíbesme?”), polo menos dende o punto de vista da forma, pero a importancia do xesto, en termos de contido e relevancia no ámbito da comunicación e o coñecemento, foi enorme e, sobre todo, moi reveladora do que ía vir despois. Coma a primeira pedra dun edificio.
A pregunta que nos podemos facer é: porqué este correo saíu dunha universidade. Pois moi doado, xa que os científicos tiveron o privilexio de comunicárense entre eles a través de servizos de correo dixital que nin sequera eran tales, polo menos non como os coñecemos hoxe en día. Segundo puidemos saber, eran os antecedentes dos actuais correos electrónicos. Quen recibiu a devandita mensaxe lanzada dende a Facultade de Física foi o investigador Alfonso Vázquez Ramallo, que a finais dos oitenta desenvolvía o seu labor no Laboratorio Europeo de Física Nuclear (o xa senlleiro e celebérrimo CERN), en Xenebra. Segundo fai saber Carlos Pajares, o envío do primeiro correo electrónico con denominación de orixe galega inaugurou os servizos informáticos da Universidade de Santiago. Para Pajares, a USC foi pioneira nesta actividade de comunicación tan revolucionaria, xunto coas universidades autónomas de Madrid e Barcelona.

PUBLICIDADE