Celébrase en Bruxelas o primeiro exercicio global de ciberseguridade

martes, 8 de novembro do 2011 Raquel Noya

A pasada semana tivo lugar en Bruxelas un importante experimento tecnolóxico no que estiveron involucrados 20 Estados europeos e máis Estados Unidos (EEUU), e no que, nin máis nin menos, se puxeron a proba os sistemas de seguridade informática das infraestruturas administrativas dos participantes.
Foi o chamado Ciber Atlantic 2011, o primeiro exercicio de simulación dun ciberataque a infraestruturas críticas, que contou coa participación de varios organismos españois, como o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación, INTECO, ou o Departamento de Infraestrutura e Seguimento para Situacións de Crise (DISSC) da Presidencia do Goberno.
Este ciberexercicio desenvolveuse coa intención de determinar as posibles vías de asistencia e cooperación que se poden establecer entre os Estados Unidos e a Unión Europea en materia de ataques cibernéticos globais, para o cal se simularon dous escenarios de crise.
No primeiro suposto recreouse un ciberataque APT (Ameaza Persistente Avanzada), que de maneira encuberta, trata de filtrar e publicar na Rede información confidencial pertencente a axencias de seguridade dos gobernos dos distintos Estados membros da UE. Neste exercicio un grupo de hackers conseguiron, a través de técnicas sofisticadas, acceder a información clasificada destas axencias europeas. Os distintos Estados membros debían colaborar de maneira conxunta na mitigación deste incidente e, á súa vez, coordinarse con EEUU, pois tamén podía estar afectado.
O segundo escenario centrouse nun fallo nos sistemas de supervisión e control (SCADA) en centrais de xeración de enerxía eólica en varios Estados membros da UE, producido por un ataque cibernético. Tamén para este exercicio fixo falta a colaboración dos Estados membros e EEUU, que coordinaron as súas forzas da intelixencia para mitigar o ciberataque.
Esta simulación puxo de manifesto que é necesaria a elaboración de plans nacionais e internacionais de continxencia e guías de boas prácticas para facerlle fronte ás novas ameazas que xorden a partir das redes globais.

PUBLICIDADE