Cazan a Huawei usando fotografías dunha cámara réflex como feitas polos seus móbiles

luns, 20 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Na publicidade de smartphones é bastante frecuente o uso de fotografías que buscan salientar a calidade da súa cámara con instantáneas tomadas por cámaras profesionais, especialmente no caso de fabricantes como Huawei, a quen cazaron facendo iso na promoción de, por exemplo, o Huawei P8 e o Huawei P9, e agora a historia repítese cos Huawei Nova 3 e 3i, segundo desvelouse nunhas fotografías que a actriz Sarah Elshamy, protagonista do vídeo publicitario deses teléfonos móbiles para Exipto, publicou en Instagram (e que xa eliminou).
No pasado detectárase a fraude publicitaria grazas á información EXIF incluída nas fotografías promocionais, pero desta volta vese claramente na fotografía publicada por Elshamy que a imaxe empregada para dar conta da calidade da cámara do Huawei Nova 3 tomouse cunha cámara réflex nun trípode, xa que na instantánea vese como o seu compañeiro no vídeo non está a suxeitar ningún teléfono na man mentres o retrata unha cámara profesional.
Unha vez desvelada esta práctica, dende Huawei manifestan que en ningún momento aseguraban que a fotografía fose tomada co smartphone promocionado, senón que só querían amosar unha característica do mesmo, pero en calquera caso non parece que fosen honestos á hora de publicitar o dispositivo, e as matizacións só viron a luz despois de que se desatase o engano.

Anuncio dos Huawei Nova 3 e 3i para o mercado exipcio

PUBLICIDADE