Cazado outro delincuente que penduraba as súas falcatruadas en YouTube

luns, 26 de maio do 2008 Raquel Noya

Se hai algo que realmente custa entender, a día de hoxe, son as motivacións da xente que se divirte causando dano a outras persoas e estragando o mobiliario público no seu tempo de lecer e no canto de ir ao cinema, tomar unhas tapas cos amigos, dar unha volta en bicicleta ou botar unha partida de dardos nunha tarde de choiva a bo cuberto.
Isto é complicado de entender, se é que hai algo que entender. E máis aínda cando este tipo de xente que sente pracer causándolles dano ós demais -non satisfeitos con facer mal- gravan todo en vídeo e fano público en Internet para gabarse de telo feito.
Un dos máis recentes destes “criminais en liña” que rexistraba os seus actos delitivos para habilitalos en YouTube e poñelos a disposición de calquera internauta (con independencia da súa idade) é Andrew Kellet, un inglés de 23 anos que foi identificado e apreixado polas autoridades para ser xulgado polas súas falcatruadas.
No intre da denuncia por parte da web de vídeos máis importante da Rede, o mozo xa tiña pendurados máis de 80 vídeos nos que, entre outras cousas, consume drogas duras, marcha sen pagar dos locais, conduce á máis de 230 quilómetros por hora, prende lume aos colectores de lixo, obstaculiza as estradas ou pon en perigo a vida doutros condutores ó circular de xeito temerario.
Polo momento, Kellet ten prohibido o acceso a Internet, un duro castigo imposto polas autoridades que será un exemplo de dureza do sistema para os demais delincuentes que se atrevan a facer este tipo de trasnadas.

PUBLICIDADE