Catro polígonos de Ourense contarán este ano con redes ultrarrápidas de R

venres, 31 de marzo do 2017 Redacción

Logo das presentacións das vindeiras actuacións (para 2017 e tamén para 2018) previstas para as provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo, hoxe foi a quenda de avanzar o que ten “preparado” o Plan de Banda Larga da Xunta para os polígonos industriais de Ourense que aínda non contan con velocidades de Internet avanzada, ou sexa, con acceso ultrarrápido á Rede. Na cita de hoxe participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e a delegada da Xunta en Ourense, María Sol Díaz. Segundo fixeron saber, o dito plan fornecerá este ano infraestruturas avanzadas de conexión a 4 polígonos da provincia ourensá. Isto traducirase, en parte, en velocidades de até 350 Mbps. Esta liña de actuacións (o subministro de tecnoloxías de fibra óptica FTTH por parte do operador de orixe galega R) xa comezaron en 2016, coa incorporación, ese ano, de 3 complexos industriais á listaxe de complexos “equipados á última”. En 2018 sumaranse outros catro. En total, 10.
No acto, coma nas presentacións anteriores, AMTEGA lembrou que para as empresas e autónomos emprazados nas zonas máis illadas, non nos ditos polígonos, a axencia ten en marcha unha convocatoria complementaria de axudas para equipamento de redes ultrarrápidas.
Asemade, lembrouse tamén que as empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, R fixo saber que grazas á tecnoloxía posta en xogo da súa man (redes de fibra óptica FTTH de tipo Metro, RfoG ou GPON) e os servizos engadidos que achegan ponse a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
AMTEGA, pola súa banda, fixo saber que en 2016 completouse o despregue das ditas tecnoloxías en 17 polígonos en toda Galicia. En 2017 o roteiro consiste en cubrir outros 30 e en 2018 os 34 restantes. “Deste xeito”, explicou Mar Pereira, “no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs”. Segundo engadiu, o resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no plan.
Lembrar que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), subvenciona estes traballos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Como dixemos, tamén haberá recursos complementarios para as empresas e autónomos que estean emprazados lonxe dos devanditos polígonos. “Para aquelas empresas que están fóra dos recintos industrias e en zonas illadas”, explicou Pereira, “AMTEGA vén de poñer en marcha unha nova medida do Plan de Banda Larga, unha convocatoria cun orzamento de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros, en función da demanda”. Estas axudas, sinalou, subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por beneficiario (porén, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros). Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE