Catro empresas innovadoras achegan novos folgos a unha Tecnópole que anda preto xa do centenar de firmas

martes, 21 de xullo do 2015 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vén de informar da incorporación ao seu seo de novos inquilinos innovadores. Ou sexa, de novas firmas galegas centradas en achegar servizos, sistemas e produtos até o agora non desenvolvidos. Trátase, máis en detalle, de catro empresas centradas na Internet das Cousas, na fotografía industrial e na divulgación científica. Lembrar, para que non o saiba, que a Internet das Cousas é o seguinte paso cara á dixitalización da nosa sociedade e economía, permitindo a interconexión obxectos-persoas a través de redes de comunicación avanzadas. A incorporación das catro novas firmas á Tecnópole eleva a 90 a cifra total de entidades radicadas no centro.
Segundo informa a dirección do parque, a chegada destas catro iniciativas viuse incentivada pola redución das tarifas dos niños da incubadora e tamén polo primeiro curso de creación de microempresas.
Clicisa
Clicisa chega á Tecnópole co obxectivo “de prestar servizos de investigación, consultaría, asesoramento e implantación de tecnoloxía relacionada coa Internet das Cousas, un concepto que como dixemos refírese á conexión dos obxectos cotiáns coa Rede. Coa experiencia de máis dunha década traballando no sector tecnolóxico, os seus promotores decidiron abrir mercado en Galicia nun sector novidoso de alto valor engadido.
Nesta primeira etapa, informa a Tecnópole, centraranse en estudar o mercado para detectar oportunidades, aínda que teñen un abano de solucións sectoriais que xa están funcionando ben en Reino Unido, Alemaña e América. “Ademais”, explica Marcos Muñoz dende a empresa, “chegamos a un acordo cunha empresa de telecomunicacións con máis de 300 persoas repartidas a nivel nacional dedicadas exclusivamente a atender a PEME e grandes contas, o que nos vai axudar a identificar oportunidades”. Na súa opinión, “a implantación desta tecnoloxía pode revolucionar desde os medios de pago ata a forma de relacionarnos cos nosos clientes, polo que vai ser difícil non atopar unha empresa á que dalgún modo a Internet das Cousas non sirva de axuda en algún ámbito de actuación”.
Para ilustrar o devandito, Muñoz cita o seu primeiro proxecto en firme, cunha empresa do sector da distribución con máis de 60 empregados e sete puntos de venda en España e Portugal. “Logo da implantación da tecnoloxía, os clientes que entren pola porta da tenda serán identificados de maneira automática só por levar o seu móbil enriba”, conta, e engade que o persoal poderá ver na súa tableta quen é, de que empresa vén, se ten autorización para retirar mercancía e mesmo as súas preferencias de compra.

Profocus

Profocus, outra das firmas novas no parque, tivo a súa orixe na achega formativa do mesmo. De feito, Nuria Sotelo, impulsora da iniciativa, asistiu á primeira edición do curso de creación de microempresas organizado por Tecnópole e como resultado naceu Profocus, especializada en servizos de fotografía para empresas que venden por Internet. A súa idea gañou o premio ao mellor proxecto do curso e nela combínanse a experiencia dela como enxeñeira informática especializada en comercio electrónico e a do seu socio, Ricardo Pascual, como fotógrafo profesional. “Mercando por Internet vimos que en moitas tendas en liña a calidade da fotografía non é boa e isto é un factor determinante para que a compra se realice”, explica Sotelo, e engade, ao fío das características especiais que deben ter este tipo de fotos, que estas convén que teñan fondo claro, que sexan nidias e que fornezan impresión de limpeza, “e sobre todo fidelidade á cor”. Na súa opinión, “é moi decepcionante mercar algo e que cando chegue non teña nada que ver”.
No seu niño na Tecnópole, os promotores de Profocus desenvolverán un proxecto de I+D dirixido a desenvolver un servizo enliña de retoque dixital á carta especialmente dirixido a profesionais do comercio electrónico. “Poderán subir as súas imaxes, perfilar, retocar e o que precisen, e dispor do resultado en moi pouco tempo”, expón Sotelo.

Fotografía industrial

A fotografía industrial será o eido de traballo de Elena Repetskaya, que se instala na Tecnópole para prestar servizos nos sectores aeronáutico, arquitectónico, turístico e do patrimonio. “Cada traballo inclúe a investigación previa do obxecto que se vai captar e tamén a aplicación de novas técnicas de captura e novas tecnoloxías, aínda que a prioridade é acadar un resultado visual único sen apenas retoques mediante software de posprodución dixital”, indica a fotógrafa, que pensa aplicar á fotografía industrial a súa experiencia e coñecementos no ámbito artístico.

Ceo Aberto

Ás iniciativas devanditas cómpre engadir a adhesión á modalidade de domiciliación virtual da empresa Ceo Aberto (ceoaberto.com), colaboradora habitual da Tecnópole na organización de actividades de divulgación como a Galiciencia, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán.

PUBLICIDADE