Casio prepara un smartwatch para o ano que vén

venres, 3 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O fabricante xaponés de reloxos dixitais máis coñecido do mundo, Casio, fixo unha achega demasiado tímida no mercado dos smartwatches, limitándose a uns poucos modelos da familia G-SHOCK que contan con conectividade Bluetooth para facilitar o control musical dende o pulso, poder configurar o reloxo dende o móbil, recibir notificacións básicas (distinguen entre chamadas, mensaxes de texto, comunicacións en redes sociais, recordatorios e eventos no calendario, pero non detallan os contidos) e incluso facilitan a localización do teléfono, pero agora The Wall Street Journal adianta que o vindeiro marzo podería iniciar a comercialización dun smartwatch moderno, que tería un prezo no contorno dos 400 dólares, e entraría a competir nun segmento da electrónica de consumo que parece estar a saturarse, cando menos nun momento no que o seu software non está debidamente maduro e o uso habitual dos usuarios aínda non está debidamente claro.
O xornal norteamericano recolle declaracións do novo presidente de Casio, Kazuhiro Kashio, quen asegura que “estamos a intentar levar o noso smartwatch a un nivel de perfección de reloxo: un dispositivo que non se rompa de xeito doado, simple de pór e que se sinta ben ao levalo”. Tamén asegura que lavan catro anos traballando no desenvolvemento dun smartwatch, desbotando moitos prototipos entre os que incluso había híbridos entre reloxo e teléfono. De feito, nin sequera confían en que poidan acadar “un éxito instantáneo” co novo produto, senón que simplemente buscan “medrar a longo prazo”.

PUBLICIDADE