Case un terzo dos adolescentes galegos terían contactado con descoñecidos pola vía da Rede

mércores, 3 de setembro do 2014 Redacción

Xesús Vázquez e Mar Pereira participaron na presentación dos datos sobre o uso da rede polos mozos e mozas de entre 12 e 17 anos

Hoxe presentáronse en Santiago os resultados dunha investigación sobre os hábitos tecnolóxicos, a nivel galego, dos nosos rapaces e rapazas de Secundaria. O informe foi elaborado a raíz da colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Valedor do Pobo e a Universidade de Santiago. O seu obxectivo de saída foi o de “afondar nos programas de prevención de riscos no uso das novas tecnoloxías por parte da mocidade”. No estudo participaron un total de 255 centros de ensino de toda Galicia e máis de 44.000 estudantes de entre 12 de 17 anos. Faise saber nel que preto dun terzo dos rapaces contactaron con descoñecidos a través da Rede.
Segundo fixeron saber os representantes dos ditos departamentos e entidades, é “crucial formar a orientadores e persoal docente no uso racional e responsábel da Internet e as TIC entre os adolescentes”.
Así se expresou precisamente o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, para quen o feito de que máis do 71 por cento dos alumnos da ESO empreguen Internet a diario e que o 93 por cento dos mesmos estea rexistrado nalgunha rede social, ou que un de cada tres adolescentes dispoñan do seu primeiro móbil antes dos 11 anos “son datos de abondo importantes para convidarnos a reflexionar e comprometernos todos, administracións, educadores e familias”.
No estudo constátase, entre outras cousas, que o 31,4 por cento dos enquisados contactaron con descoñecidos a través da Internet e o 8,9 por cento sentíronse algunha vez ameazados ou humillados a través das redes sociais, mentres que nun 6,8 por cento de casos foron eles os que ameazaron a outros.
Polo que respecta á intervención da directora da AMTEGA, Mar Pereira, fixo saber que a prevención, baseada na información e na educación, “é a clave para evitar a proliferación destes casos e para que os adolescentes saiban como actuar ante unha situación deste tipo”. Pereira dixo tamén que “a Administración pública é consciente de que a forma de abordar esta problemática é en colaboración con todos os axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do ámbito tecnolóxico”. A directora de AMTEGA quixo lembrar que semellante filosofía é a que alenta as iniciativas de divulgación desenvolvidas en colaboración cos colexios profesionais de enxeñeiros en informática e enxeñeiros técnicos en informática (CPEIG e CPETIG), iniciativas como Navega con Rumbo, ou o acordo asinado este ano co Centro de Seguridade en Internet ‘Protégeles’ para realizar diferentes actuacións que fomenten o uso seguro e responsábel das TIC.

PUBLICIDADE