Case o 60% das autoliquidacións recibidas por ATRIGA presentáronse de xeito telemático

venres, 3 de outubro do 2014 Redacción

O pasado mes de setembro a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) fixo balance das autoliquidacións recibidas ao longo do pasado exercicio. En total, acolléronse en 2013 máis de 365.000 autoliquidacións dos principais impostos, a gran maioría no ámbito do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e no Imposto de Sucesións. Xa nun plano TIC, dicir que o avance da eAdministración neste ámbito semella ser significativo. De feito, a axencia informou de que o 58% das devanditas autoliquidacións foron presentadas de xeito telemático (a través das ferramentas dixitais de Administración Electrónica habilitadas), porcentaxe que se incrementou en doce puntos nos últimos cinco anos ao pasar do 46,4% ao 58%.
A axencia tamén sinalou que no pasado exercicio concedéronse aprazamentos e fraccionamentos por importe de 23 millóns de euros co fin de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a familias e empresas. “Esta cifra ascende a case 116 millóns de euros dende o 2009”, engadiu. Igualmente, ao abeiro deste balance de actividade, déronse a coñecer boa parte dos esforzos que se desenvolven para potenciar a Oficina Virtual Tributaria (OVT) como “un importante mecanismo de aforro de tempo e de custos para a cidadanía”. Neste senso, o organismo autonómico destaca que a OVT evítanos acudir de xeito presencial ás dependencias da Administración para realizarmos determinados trámites que agora podemos realizar dende o noso domicilio.
Ao fío disto, recordouse que a OVT permitiu aforrar a cidadáns e empresas “preto de 113 millóns de euros dende 2009, ao tempo que serviu para mellorar a produtividade na Administración e elevar a transparencia cara o contribuínte”. O pasado ano, a Oficina Virtual Tributaria recibiu case 670.000 accesos, engadiuse. Ou sexa, que foi obxecto de máis de 1.800 accesos ao día.
Estes datos foron dados a coñecer por o 19 de setembro polo director da ATRIGA, Ulpiano Villanueva.

PUBLICIDADE