Case a metade dos compradores de vivenda usada comezan na Rede o proceso de busca

xoves, 16 de novembro do 2006

Internet é moitas cousas, mais tamén semella abrirse camiño como a principal canle de procura de vivenda para os españois. En concreto e a día de hoxe, case a metade da poboación española (o 48%) comeza na Rede o proceso de busca dun fogar de segunda man. Este dato sobre a vivenda usada, achegado pola empresa Facilisimo.com (polo tanto, vindo como vén dunha firma que opera na Rede cómpre ter en conta que é un dato interesado e hai que velo con certo espírito crítico) complétase co seguinte: case un terzo dos cidadáns españois inicia en Internet a busca dunha vivenda de primeira man.
Segundo a empresa responsable do estudo, estes datos poñen de manifesto que os compradores de produtos inmobiliarios están a cambiar os seus hábitos, sendo responsable disto unha das principais vantaxes de Internet: a facilidade do acceso á información.
Asemade (sinala o estudo), as persoas que mercan pola Rede dedican tres veces máis tempo para informarse de vivendas e as súas características e arredores cós compradores tradicionais. Ademais, empregan só dúas semanas para ver os fogares co axente inmobiliario, fronte ás sete dos que buscan vivenda polas canles convencionais.

PUBLICIDADE