Case 300 persoas participaron na campaña #Librosparasermoslibres

venres, 19 de xuño do 2020 S. P.

Case trescentas persoas participaron no concurso da campaña #Librosparasermoslibres, iniciativa online da Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña dirixida a impulsar o sector cultural, a animar á lectura e a estimular a compra de libros despois da crise sanitaria, logo que se constatase, unha vez máis, o importante papel dos libros como ferramentas para loitar contra a adversidade. A campaña #Librosparasermoslibres foi polo tanto un xeito de devolverlles ás editoriais e ás escritoras e escritoras o importante favor que nos fixeron durante a emerxencia sanitaria. Na iniciativa, vinte das 300 persoas participantes recibirán bonos de 75€ para mercar nas librarías dos concellos da Coruña.
A campaña #Librosparasermoslibres, iniciada con motivo do Día das Letras Galegas, chegou polo tanto ao seu fin logo de desenvolverse nas redes sociais e convidando a recomendar títulos para a súa lectura.
Na iniciativa (achegando vídeos nos que facían recomendacións) participaron referentes da cultura da nosa terra, como Antón Riveiro Coello, Oliver Laxe, Eli Ríos, Federico Pérez, Antía Ameixeiras, Carlos Blanco, María Tasende, Sole Felloza, Marilar Aleixandre, Laura Romero, Anabel Alonso, Lorena Conde, Bea Lema ou An Alfaya.
A campaña de animación á lectura e á compra de libros conseguiu un grande alcance de impresión e de usuarios nas redes sociais, superando só en Facebook as 123.000 persoas.
"O balance é moi positivo porque se conseguiu difundir un amplo número de títulos e convidar a súa compra e lectura, algo que, ao noso ver, era o obxectivo buscado para contribuír á recuperación do sector nun momento en que se reiniciaba a actividade comercial", sinala a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño.
Outro dos obxectivos da iniciativa foi “chegar a novos públicos”, difundindo na Rede contidos pensados para distintos tramos de idade e de intereses.
Este venres 19 de xuño farase o sorteo a través dunha plataforma dixital independente polo que vinte gañarán bonos de 75€ para mercar libros galegos nas librarías dos distintos concellos da provincia da Coruña.

PUBLICIDADE