Case 200 estudantes cursarán este ano o STEMbach

xoves, 25 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Goberno galego publicou hoxe a resolución definitiva pola cal 15 centros educativos galegos ofrezan neste curso o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, o STEMbach. A medida, impulsada pola Consellería de Cultura e Educación (ao abeiro da estratexia Edudixital 2020), diríxese a afianzar e impulsar o ensino tecnolóxico-dixital baseado nas catro patas da mesa STEM: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. No punto de mira están as posibilidades laborais, profesionais, comunicativas creativas e de emprendemento que abre (e abrirá) este tipo de formación. En cifras de estudantes, a estrea do STEMbach chegará este ano a case douscentos.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución definitiva dos centros seleccionados, a razón de 6 na provincia da Coruña, que aglutinan 80 alumnos; 3 en Lugo, con 37 alumnos; 1 en Ourense, con 19 alumnos; e 4 na provincia de Pontevedra, que suman 63 alumnos.
Trátase dos seguintes centros: CPR Plurilingüe Compañía de María (A Coruña), o IES Agra do Orzán (A Coruña, o IES Sofía Casanova (Ferrol), IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago), o IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago), IES María Casares (Oleiros), IES Lucus Augusti (Lugo), o IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes (Lugo), o IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), o IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), o IES Ramón Cabanillas (Cambados) o IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), o IES República Oriental de Uruguay (Vigo), o IES A Sangriña (A Guarda).
Segundo indicou a Consellería, o STEMbach representa unha opción formativa concibida para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, constitúe unha ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que lles agarda aos estudantes ao remate do bacharelato. De feito, o devandito proxecto a defender forma parte deste adestramento. Semellante ao traballo de fin de grao, o proxecto será co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
A Consellería tamén explica que o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal relacionada co ámbito de materias STEM e “cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais”. Esta materia terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Así mesmo, os estudantes farán actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades ou entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos.
O alumnado recibirá ao remate unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
Outra das novas accións STEM é a creación dos Espazos Maker, en palabras da Consellería “lugares nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de aprender facendo”. Estes espazos incluirán equipamento específico e unha achega económica e estarán destinados a alumando, profesorado e mesmo familias para que “poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación”.

PUBLICIDADE