Cartografías Sensibles tira proveito da xeolocalización para o desenvolvemento dunha parroquia do Val Miñor

martes, 10 de decembro do 2013 Fernando Sarasketa

O Consello da Cultura Galega infórmanos estes días dunha innovadora achega inserida na categoría de proxectos dirixidos a impulsar o máis local a través de ferramentas universais, conseguíndose un singular e enriquecedor equilibrio entre unha cousa (unha área rural moi determinada da nosa terra) e outra (esta Sociedade da Información que nos conecta alén de múltiples fronteiras), amais dun beneficio mutuo. De feito, a proposta tecnolóxica da que nos fala o CCG, unha proposta de aplicación de ferramentas de xelocalización para o impulso dunha área concreta do Val Miñor (a parroquia de Vincios), abre interesantes camiños para acadar o que ben poderiamos chamar unha universalización máis diversa. Que tomen nota todos aqueles que queiran desenvolver a área de xeográfica que abrangue a súa vista, estean onde estean.
O proxecto Cartografías Sensibles (vincios.org) diríxese cara a isto e cara a moito máis. Segundo conta o CCG, a iniciativa tivo a súa orixe no traballo da Comunidade de Montes de Vincios, que ten levado a cabo importantes esforzos na procura de argallar novas metodoloxías de dinamización da contorna na que se insire. Froito disto foi a localización dun nicho interesante de traballo: un escenario onde se descubriu a importancia de establecer máis e mellor comunicación con cada membro da Comunidade, con cada habitante da parroquia e mesmo co mundo. Segundo informa Joana Covelo, directora do proxecto, “a idea xurdiu da necesidade de dar a coñecer todo o traballo que xa viñan facendo”. Porén, a diferenza doutros proxectos irmáns igualmente interesantes de desenvolvemento local a través das TIC (como por exemplo os Estruming Days, onde se aplica ao eido tecnolóxico a filosofía natural e propiamente nosa do traballo en monte común), Cartografías Sensibles apostou pola xeolocalización. Polo tanto, desbotouse a idea de xerar unha web ao uso que acubillase rutas ou patrimonio a visitar. En realidade, apostouse por un labor que localiza e amosa os puntos de interese da parroquia ao tempo que se encamiña cara o rexistro, reivindicación e posta en valor da riqueza local. En certa maneira, seguiuse o ronsel de patrimoniogalego.net pero aplicándoo ás múltiples características específicas de Vincios e da dita Comunidade, e engadíndolle ao resultado web (vincios.org) múltiples elementos innovadores na forma e no contido. Dándolle polo tanto, como sinala Covelo, “unha volta de porca”.
A clave, como ela conta, estaba na cartografía e nas posibilidades de comunicación, información e interacción que ofrece da man do dixital. Ao fío disto, botouse man de mapas, audios e vídeos e inseríronse cada un nun punto xeográfico concreto, creándose unha ferramenta que posibilita un coñecemento máis estreito do medio polo que nos estamos a interesar, neste caso o da dita parroquia do Val Miñor. A iniciativa (que rexistra e amosa rutas, puntos de interese, parques, lendas, asociacións, infraestruturas de tipo cultural, paraxes de interese natural, etc), desenvolveuse en colaboración co estudio de desenvolvemento web Pumpún Dixital e o de deseño gráfico decastrodesigners. Para dar forma ao proxecto, foi precisa unha estreita colaboración cos habitantes da contorna, achegando cumpridos datos sobre o seu rico patrimonio, tanto o material como o que (máis difícil en ocasións de preservar) non o é de todo. A iniciativa, sinala Covelo, foi moi ben acollida pola veciñanza, xa que viu nela un xeito de participar, man con man, na preservación da súa historia e identidade.

PUBLICIDADE