Carrefour lanza aplicación para atender os novos hábitos de consumo

mércores, 1 de abril do 2015 Redacción

A cadea de supermercados Carrefour vén de lanzar unha aplicación, a app O meu Carrefour (Mi Carrefour), que permite acceder aos descontos e promocións da empresa a través de tabletas e teléfonos intelixentes. A ferramenta, segunda sinala a compañía, está concibida para “favorecer a accesibilidade, a innovación e a orientación ao consumidor”. Amais, búscase mellorar a experiencia de compra e satisfacer os novos hábitos de consumo. Pódese descargar de balde dende a Apple Store ou dende Google Play.
Entre as funcionalidades concretas que achega, inclúese a posibilidade de ver dunha única ollada cales son as tendas Carrefour máis próximas, abranguendo planos de acceso, servizos e novidades. Tamén se ofrece a opción de acceder aos folletos en vigor e recibir os novos, crear listaxes de compra, escanear produtos e engadilos á nosa listaxe e recibir notificacións sobre os descontos que estean dispoñíbeis.
A estas utilidades iranse incorporando de forma progresiva novas funcionalidades. Segundo apunta Carrefour, o obxectivo é situar a aplicación como “a máis completa do seu sector e seguir cinguindo a contorna física e o dixital, como resposta ás necesidades do cliente actual”.

PUBLICIDADE