Carme Artigas reiteira o apoio do Goberno de España ao proxecto da Cidade das TIC

xoves, 4 de novembro do 2021 S. P.

A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas, participou este 4 de novembro na primeira xornada do curso da UDC e a UIMP sobre as posibilidades tecnolóxicas e de emprendemento que abre o proxecto da Cidade das TIC, a antiga Fábrica de Armas da Coruña. Na súa intervención felicitou pola dita iniciativa tecnolóxica-emprendedora ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e referendou a intención do Goberno estatal de seguir apoiando o proxecto. Tamén mostrou o seu convencemento sobre o potencial do mesmo para impulsar a Galicia no ámbito internacional.
Artigas impartiu a lección inaugural do curso A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital, que organizan o reitor, Julio Abalde, e a catedrática de Computación e Intelixencia Artificial (IA) da UDC, Amparo Alonso, da que a secretaria de Estado asegurou que “Galicia está moi ben representada, con Amparo Alonso e a UDC, na estratexia de IA de España”.
Artigas debullou o proceso de transformación dixital no que está mergullada España, un proceso que “será clave na reconstrución económica e social” e avanzou que a IA vai traer “moitas oportunidades” para a economía española e mundial. De feito, dixo, calcúlase que poderá xerar en Europa 60 millóns de postos de traballo para 2025. Alertou tamén das dificultades que ten España co 40% da súa poboación con carencia de habilidades dixitais básicas e resaltou o labor da universidade no eido da formación: “É imprescindíbel elevar o coñecemento científico, os postos de traballo do futuro van ser de altísima cualificación”, avanzou.
O presidente do Consello Económico e Social de España, Antón Costas, quen interveu a continuación, recolleu o dato da analfabetización dixital existente en España para alertar “das graves consecuencias sociais e económicas que terá para o país non avanzar nas habilidades dixitais da poboación”. O catedrático de Economía da Universidade de Barcelona propuxo a creación dun “contrato social dixital” que teña como base, en primeiro lugar, a alfabetización dixital no cento por cento da poboación e, en segundo lugar, na escolarización gratuíta para os nenos e nenas de cero a tres anos, fundamental para construír unha economía dinámica e sustentábel nun mundo dixital.
Costas explicou que o proceso de dixitalización debería aprender do proceso de industrialización para non caer nos mesmos erros. De feito, considera “fundamental” ter en conta non só o punto de partida e o de chegada senón o proceso de transición e traballar nesa etapa para evitar desigualdades e para que o proceso teña éxito.
O curso foi inaugurado esta mañá na Fundación Luis Seoane polo reitor, Julio Abalde, a directora da UIMP Galicia, Obdulia Taboadela, a subdelegada do Goberno, María Rivas, o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o concelleiro de Educación, Jesús Celemín.
O reitor lembrou os inicios do proxecto nunha conversa de traballo co presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, presente tamén no curso, na que se tratou o tema da potenciación da dixitalización na sociedade. A Universidade da Coruña, concluíu Abalde, ademais de dar formación “ten que xerar proxectos tractores para o desenvolvemento da sociedade”.
Tanto a subdelegada do Goberno, como o delegado da Xunta e o concelleiro manifestaron a importancia e envergadura do proxecto da Cidade das TIC que ten solicitados 55 millóns de euros para o seu desenvolvemento aos fondos Next Generation a través das propostas que a Xunta de Galicia realizou ao Goberno estatal.
O curso continúa na tarde deste 4 de novembro e ao longo da xornada seguinte.
Programa
Xoves, 4 de novembro
10:00h. Inauguración
10:30h. Intelixencia Artificial, clave na recuperación económica. Carme Artigas Brugal, secretaria de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial
12:00h. Mesa redonda: As empresas tecnolóxicas e a súa aposta pola Cidade das TIC. Interveñen: Indra, Everis, IBM Research e Antonio Rodríguez del Corral presidente do Clúster TIC
16:00h. IA e sustentabilidade: impacto social e económico. Amparo Alonso Betanzos
17:00h. Mesa redonda: Retos e oportunidades da IA no desenvolvemento de empresas innovadoras. Interveñen: ABANCA Innova, Estrella Galicia, CETAG, GAIN/IGAPE, Fondos Capital-Riesgos CDTI
Venres, 5 de novembro
10:00h. Estratexia dixital e de IA de Galicia 2030. Mar Pereira, directora de AMTEGA.
12:30h. Mesa redonda: Dixitalización, IA e Big Data: motor económico e innovación empresarial. Interveñen: Alejandro Casteleiro, CEO Artabro Tech; Antonio Rodríguez del Corral, CEO de Cinfo; Fernando Vázquez, Director de Imatia; Guillermo Lopez Taboada, CEO Torusware
16:00h. Economía e sector TIC en España e Galicia. Fernando González Laxe, ex-presidente da Xunta de Galicia e Catedrático de Economía Aplicada na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña
18:00h. Conferencia de clausura: Retos da nova sociedade nun mundo dixital. Antón Costas, catedrático de Economía da Universidad de Barcelona e presidente do Consejo Económico y Social.
Este evento forma parte da oferta de cursos breves da Universidad Internacional Menéndez Pelayo Galicia, coa colaboración do Concello da Coruña. O curso é presencial, para asistir é preciso inscribirse en galiciasa@uimp.es.

PUBLICIDADE