Carlos Bravo falará de marketing de guerrilla en Vigo

mércores, 13 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Carlos Bravo (no centro), cun par de compañeiros de Coguan (Antonio Gimeno Calvo e Corinna Hoppe).

Este xoves Iniciador Galicia desprázase ata Vigo, concretamente á Aula Sociocultural Caixa Galicia sita na rúa Policarpo Sanz, 21, onde Carlos Bravo Sánchez, CEO de Coguan, compartirá cos asistentes a súa experiencia emprendedora a través dun relatorio titulado Marketing de guerrilla na web 2.0, que irá na liña do blog que habitualmente escribe Bravo, e que será de grande utilidade para quen desexe realizar campañas promocionais na Rede sen contar con grandes recursos económicos.
Como vén sendo habitual, o público (principalmente emprendedores e profesionais de base tecnolóxica, que poden confirmar a súa asistencia a través de Facebook) poderán consultar as súas inquedanzas co convidado desta xornada, así coma continuar de xeito máis distendido o intercambio de pareceres tras a súa intervención formal, nun local de hostalaría próximo.
Carlos Bravo é un profesional do sector TIC formado en varias universidades europeas e que fundou hai máis de 2 anos Coguan, un mercado aberto de publicidade en liña onde conectan axencias, anunciantes soportes… facilitando a compra-venda automatizada de anuncios, aínda que tamén ten bastante experiencia no ámbito do marketing en liña.

PUBLICIDADE