Carlos Barrabés falará en Santiago da súa experiencia como empresario e asesor TIC

venres, 16 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Plataforma Tecnolóxica Galega de Loxística vai organizar o vindeiro 20 de novembro, no Hotel Porta do Camiño de Santiago, un interesante encontro profesional sobre as medidas que podemos tomar nunha empresa, eficaces e accesíbeis economicamente, para coller as rendas da innovación e facernos fortes no mercado. A xornada Innovación ao alcance das PEME (Como competir nun contorno cambiante?) contará coa presenza dun persoeiro que constitúe, sen dúbidas, un exemplo de creatividade e puxanza empresarial cun número axustado de recursos. Falamos de Carlos Barrabés, principal responsábel dunha empresa paradigma do éxito en liña: Barrabes.com, especializada en artigos e servizos de deportes de montaña.
Barrabés, que falará no dito foro compostelán arredor das 17.30 horas (despois da presentación-apertura de Xoán Martínez Reboredo, presidente da Plataforma Tecnolóxica Galega de Loxística), está considerado hoxe en día como un dos grandes pioneiros estatais en materia de comercio electrónico, ao que se engade o mérito de ter levado a cabo a súa estratexia dende a pequena vila pirenaica de Benasque, en Huesca, onde logo de dirixir a tenda especializada Barrabés Esquí Montaña comezou a fornecer á comunidade internauta de servizos e produtos relacionados co montañismo e o esquí a través de Internet. Considerado por diferentes medios un dos españois de meirande influencia, foi elixido Young Global Leader en 2010 polo Foro Económico Mundial (Davos), recoñecéndoo como un dos líderes menores de 40 anos que poden cambiar o mundo. Asemade, traballou na última década como asesor de banca e como colaborador habitual de múltiples programas con gobernos e institucións en todo o mundo. Pertence ós Consellos Asesores de Vodafone, ASHOKA, FM Logistic, Ideas 4ALL, UNICEF ou ESRI, entre outros.

PUBLICIDADE