Carga de Dignidade abre blog colectivo para seguir traballando polo futuro laboral galego

martes, 4 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

O movemento-acción Carga de Dignidade, posto en marcha os días pasados por colectivos como Radio Buguina para salvar a construción naval e por extensión o tecido produtivo na nosa terra, xa ten blog de seu: un sitio web propio que inclúe todo tipo de material para achegármonos a esta mobilización galega que ten a súa orixe en Ferrol pero que vai cobrando aos poucos obxectivos e finalidades universais. O obxectivo, din os responsábeis deste movemento, de loitar contra a gran burla negra dos nosos días: a crise económica. O caderno, achegado en clave colectiva, serve de complemento ao abondoso material achegado xa por Carga de Dignidade no Facebook.
O blog, dende o punto de vista temático, informa ao mundo de accións como a levada os días pasados: o pendurado colectivo de roupas de traballo na reixa de Navantia (dirixido a chamar a atención sobre o proceso que arrasou nos últimos anos coas arelas de desenvolvemento da devandita comarca, recollendo o espírito de Burla Negra tralo afundimento do Prestige). Dende o punto de vista da forma, achega arquivos (documentos, panfletos), imaxes, vídeos, artigos de opinión e anacos de prensa (a pegada do movemento nos medios galegos e estatais). Ademais, co fin de engadir máis material e seccións, ampliando o alcance e os puntos de vista, a web abre de par en par as portas á colaboración da comunidade en liña.

PUBLICIDADE