Carballo quere impulsar a normalización co seu premio ao proxecto de webserie en galego

luns, 28 de marzo do 2016 Redacción

O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, quere que o galego estea presente en tódolos nosos ámbitos comunicativos e creativos. Por esta razón, está a impulsar actividades concretas de normalización en eidos onde non sempre a lingua está tan presente como sería de desexar. De aí xorden, en relación a estes días, a edición número 12 do Premio a artigos xornalísticos normalizadores e a terceira do Premio a proxecto de webserie en galego. Este último galardón, como xa adiantamos dende Código Cero os días pasados, convócase ao abeiro do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se vai desenvolver os días 5, 6 e 7 de maio.
No que atinxe ao galardón que recoñece artigos xornalísticos que poñan en valor o galego, inclúe unha contía de 1.000 euros para a achega gañadora, que será difundido en Praza Pública, Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.
Polo que respecta ao premio á webserie en galego, ten unha dotación económica de 1.500 euros. Diríxese, en palabras do Concello, a “fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo”. O novo galardón, que se resolverá cun pitching en directo durante o festival e cuxa dotación deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, súmase aos xa existentes no devandito Festival CarballoInterplay: mellor webserie de imaxe real, mellor webserie de animación, mellor webserie internacional e mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría, e a escolla do público, con 400 euros e trofeo.
Volvendo ao galardón “normalizador”, lembrar que as achegas poden presentarse até o 11 de abril. Entre todos os proxectos recibidos, o comité de selección do festival escollerá un máximo de cinco proxectos e os proxectos finalistas terán que defender o seu proxecto facendo como dixemos un pitching perante os membros do xurado específico. Isto materializarase nun acto aberto ao público a desenvolver o xoves 5 de maio no Auditorio da Casa de Cultura do Concello de Carballo.

PUBLICIDADE