Carballo quece motores para o terceiro Festival Interplay de webseries

venres, 1 de abril do 2016 Redacción

Ao longo dos días 5, 6 e 7 de maio Carballo acollerá a terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, un concurso de webseries que prevé recibir máis de 120 propostas chegadas de todo o mundo, cunha participación case igualada entre obras españolas e internacionais. Amais de 9 webseries en versión orixinal en galego e 58 do resto do Estado, participan na competición 55 webseries de produción internacional chegadas de: Arxentina, Nova Celandia, Inglaterra, EE.UU., Colombia, Irlanda, Italia, Austria, Canadá, Brasil, Francia, México, Alemaña, Uruguai, Suíza. En canto a novidades, o CIP incorpora este ano un novo premio, de 1.500 euros, para o mellor proxecto de serie en liña en galego. As persoas que queiran optar a este novo galardón poden facelo aínda até o 11 de abril, toda a información está dispoñíbel na web do Festival Interplay. Dende a organización do Carballo Interplay informan que neste encontro estarán presentes youtubers, vídeo bloggers, pranksters e viners coñecidos dentro e fóra de Galicia como Dulceedeleche ou Tworumbel, os Páramo Pictures, os Poetarras e os responsábeis da webserie Fame.
Como exemplo de youtuber temos a Carlota Núñez, unha das autoras galegas máis seguidas, con máis de 68.000 subscritores na súa canle Dulcedeleche e 42.000 seguidores en Instagram. Coruñesa de 22 anos e estudante de produción audiovisual, leva dende 2012 publicando vídeos sobre o seu día a día, que narra no seu vídeoblog, e as súas paixóns.
Outro exemplo da nosa terra é Diego Novelle, Tworumbel, outro youtuber coruñés con máis de 12.000 subscritores. A súa canle baséase no humor na rúa. Con el coñeceremos o xénero youtuber dos pranksters (canles adicadas ás brincadeiras) e cal é o tipo de humor que atrae a adolescentes e universitarios hoxe en día.
Rubén Lino é membro do grupo Poetarras, gañador do premio á mellor webserie en galego no I Carballo Interplay en 2014. Músico e cómico, a súa especialidade é facer humor en Vine, unha rede social móbil baseada en vídeos de non máis de 6 segundos. É dos poucos viners que publica vídeos baixo a etiqueta #VineGalego
E falando de contidos dixitais en galego, estes serán o eixo dunha das liñas de traballo deste Carballo Interplay, que baixo o título: Hai lingua para o tubo? afondará sobre que tipo de contidos audiovisuais para Internet fanse en galego, cal é a presenza destes contidos, que temáticas e claves abranguen ou cal é o público. E, para facelo, pasarán polo CIP os Páramo Pictures, unha produtora de Lugo que triunfa en internet coas súas parodias de éxitos musicais adaptados ao mundo rural. Tamén acudirán ao certame de Carballo os Poetarras, un colectivo “arterrorístico” formado por Manuel Gago, Pablo Lamosa, Rubén Lino e Daniel Vilaverde que gañaron en 2014 o premio á mellor webserie en galego no I Carballo Interplay e son especialmente coñecidos polas súas cancións e videoclips con éxitos como Lambeconas, a versión de Roar de Kate Perry adicada a Feijóo ou a que lle adican ao río Anllóns, creada especialmente como homenaxe a Carballo a partir da canción I’m Yours de Jason Mraz.
Asemade, o Concello e a organización do evento completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nestes meses previos, o FormaCIP, que nesta edición ampliou a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, mercadotecnia dixital, novas tecnoloxías, produción e financiamento audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonas analóxicas que se desenvolve dende o pasado 12 de marzo e até a mesma fin de semana do Festival.

PUBLICIDADE