Carballo convértese esta semana na capital das historias audiovisuais feitas para a Rede

mércores, 3 de maio do 2017 Redacción

Imaxe da edición de 2016 do Carballo Interplay nunha imaxe de David Tombilla

Esta semana, para quen ande despistado (malia o moito que temos falado da cuestión dende Código Cero, sobre todo facendo fincapé na súa vertente de palestra galega), celébrase en Carballo o festival de contidos dixitais Interplay. O certame, que se inaugura no Pazo da Cultura esta quinta feira (xoves) ás 16.00 horas, será unha oportunidade inmellorábel, e ademais libre e de balde, para achegarnos ás máis salientábeis creacións xurdidas ao abeiro da confluencia entre audiovisual e novas canles tecnolóxicas: webseries e demais achegas innovadoras de contidos dixitais. A inauguración contará coa presenza do xurado da sección oficial do concurso, composto polo guionista Rubén Ontiveros, a creadora de contidos Isa Calderón, o director Javi Camino e os representantes das asociacións galegas de guionistas, Javier Trigales, e de realizadores e realizadoras, Giselle Llanio. Esta equipa será a encargada de arrincar os tres días de actividades que converterán a vila galega, en palabras da organización, “na capital global da cultura dixital”.
Segundo engade, o prato forte da primeira xornada será a estrea de Fogueo, a longametraxe coa que David Sainz (creador das webseries Malviviendo e Entertainment) conta a historia duns perdedores que só teñen unha opción para levar a cabo o seu soño: facelo eles mesmos. Despois da proxección, o público poderá falar do filme con David Saínz e Teresa Segura, padriños do Carballo Interplay.
Antes, ás 19h, catro proxectos de competirán nun pitching público polo beneplácito do xurado do premio ao mellor proxecto de webserie en galego, composto por Mafalda González-Alegre, de Flooxer; David Sainz, da produtora Diffferent Entertanment; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica de Carballo; e Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay.
Os catro proxectos finalistas son o drama existencialista Albedrío, creado por J.S. Raimundi e Álex Vázquez e protagonizado por Melania Cruz e Tito Asorey; a comedia de situación Efectos Secundarios, creada e protagonizada por Pablo Cobos e Paula Ballesteros-Arias; a comedia con pequenas tinturas dramáticas Hai vida en Bran, creada e protagonizada por Ángela Andrada, que se acompaña por un nutrido grupo de personaxes que rompen estereotipos; e máis a comedia fantástica Megamadriñas, que mestura o mellor da épica dos superheroes co máis enxebre do rural galego, baixo a batuta de Antón Coucheiro, Paulo Rubal e Joseba Muruzábal. A webserie gañadora recibirá un premio de 1.500 euros para gravar os 3 primeiros capítulos.
O auditorio do Pazo acollerá tamén as proxeccións dalgunhas das 35 webseries de todo o mundo que participan na sección oficial do Festival. Ás 18h proxectaranse as webseries en galego: Antolepsia, Galicia Crime, As Aventuras de Po, Dalle Jas e Teño unha horta en San Sadurniño. E ás 16h30, haberá un menú degustación con achegas audiovisuais de Alemania, Arxentina, Reino Unido, Nova Zelanda e Israel.

PUBLICIDADE