Carballo aposta de cheo polo dixital e o sustentábel na súa estratexia para os fondos europeos

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Fernando Sarasketa

O Concello de Carballo quere afondar na dixitalización dos seus procesos, recursos e as súas comunicacións coa cidadanía, amais de avanzar en sustentabilidade e integración dos colectivos locais en risco de exclusión (os colectivos de moinantes). Con este obxectivo vén de remitirlle á Unión Europea a estratexia DUSI: un Carballo sostible para todos coa que poder optar ao financiamento de iniciativas de desenvolvemento urbano sostíbel. A dita estratexia artéllase en retos económicos, ambientais, climáticos, demográficos e sociais, con obxectivos como xerar igualdade entre homes e mulleres, mellorar a accesibilidade ou paliar os efectos do cambio climático. Amais, na proposta do Concello (que ten un importe de seis millóns de euros e abrangue un expediente de máis de cen páxinas para defender as proposicións e optar aos Fondos FEDER), inclúese unha liña de actuación cen por cen TIC.
Nesta liña detállase un orzamento de 840.000 euros que se destinarían a desenvolver un portal de transparencia municipal, a crear a rede Carballo sen fíos e á dixitalización dos recursos e do patrimonio turístico. Outra das liñas, emparentada en parte coa anterior, diríxese a asegurar unha economía local máis baixa no uso de carbono (gases contaminantes), e viría acompañada dun financiamento de 1.440.000 euros para o despregue de camiños peonís e de carril bici, a inclusión de puntos de recarga de vehículos eléctricos ou o desenvolvemento do programa Carballo carbón neutral. Tamén se inclúe un apartado para impulsar a cultura e o patrimonio urbano e social, e aí entraría o impulso ao certame de webseries Carballo InterPlay, ao festival Rexenera Fest ou á iniciativa Derrubando muros con pintura.
En caso de ter éxito, o Concello debería desenvolver este e os outros proxectos incluídos de aquí a 2020, aínda que as últimas xustificacións da proposta poden prolongarse até o 2022. Lembrar que o conxunto de Galicia opta a obter 82 millóns de euros.

PUBLICIDADE