Carballo acolle un curso de dinamización lingüística por medio das TIC

mércores, 11 de xuño do 2008 Raquel Noya

O Concello de Carballo, coa finalidade de aproveitar a oportunidade que ofrecen as novas tecnoloxías e o software libre no proceso de modernización do galego vén de anunciar a celebración do curso Traballando en lingua, un evento no que se levarán a cabo diversas actividades de reflexión e dinamización arredor das novas tecnoloxías e a nosa fala.
Este curso, que dará comezo a partires do vindeiro 15 de xullo, terá unha duración de 25 horas e contará coa presenza de Xosé Ramón Ferreiro Mato, director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Roberto Brenlla, representante da comunidade de software libre Agnix, Manuel Gago, director de CulturaGalega.org e profesor da USC ou Suso Baleato, coordinador de Mancomung.org, entre outros.
O marco xeral de traballo para este evento no que se relacionan as novas tecnoloxías coas linguas e coa economía do coñecemento baséase no emprego de determinadas ferramentas para o tratamento e o manexo de textos: corpus, dicionarios..., na avaliación dos puntos fortes e débiles da nosa propia realidade canto a espazos e utensilios e na difusión e implicación de tódolos axentes relevantes no proceso de alfabetización tecnolóxica e para a lingua.
O custo da actividade é de 30 euros para os membros da comunidade universitaria, persoas desempregadas e persoal e socios das entidades organizadoras e colaboradoras e de 50 euros para o público en xeral; o prezo inclúe a documentación que se empregue ao longo do curso, a asistencia ás actividades complementarias e o xantar dos tres días.
A folla de inscrición, á que se pode acceder dende esta ligazón deberá ser entregada antes do vindeiro 27 de xuño xunto co xustificante de pagamento que tamén se achega na web oficial do evento.
Traballando en Lingua vai dirixido a aquelas persoas interesadas na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega e o máximo de persoas admitidas é de 50.

PUBLICIDADE