Carballo Interplay entregou os seus galardóns
mércores, 22 de abril do 2015
A pasada fin de semana, tras tres xornadas de pases,
proxeccións e relatorios (houbo máis de corenta proxeccións de
obras audiovisual ligadas á contorna dixital), déronse
a coñecer as obras premiadas na edición 2015 do Festival Carballo
Interplay. Así, o galardón á mellor webserie foi para
Fracasados
por el mundo, unha crítica aos programas de televisión que
entrevistan aos emigrantes españois que traballan noutros países e
amosan as súas opinións sobre as “múltiples vantaxes” de
liscar da terra de orixe. Ademais, a galega Clases
de lo social proclamouse gañadora do Premio
do Público, Fame foi a mellor
webserie en versión orixinal en galego e Comaland gañou o galardón á mellor webserie de animación.
Polo que respecta ao recoñecemento ao mellor guión
(patrocinado pola AGAG) foi dar a Vincent
Finch. A mellor webserie internacional foi para
británica Future
Duck. Pola súa banda, Pinkoo levou unha mención especial no apartado de animación, e La
caída de Apolo obtivo outra mención no apartado de webserie
de imaxe real. A mellor actriz foi Carla Pueyo (La caída de Apolo) e
o mellor actor Oriol Vila (Nico&Sunset).