Carballo Interplay aposta polo podcast na súa novena edición

mércores, 9 de marzo do 2022 S. P.

O Festival de Contidos Carballo Interplay, que celebrará a súa novena edición do 6 ao 9 de abril, apostará este ano polo formato podcast e pola creación de contidos dixitais. Nesta edición con énfase no sonoro, o certame quere abrir espazos de diálogo e fomentar alianzas entre creadoras/es, produtoras e plataformas de Galicia e España co obxectivo de favorecer a creación de proxectos conxuntos. A Zona PRO do Interplay 2021 será o venres 8 de abril no Pazo da Cultura de Carballo e as persoas interesadas poden solicitar xa a súa acreditación de balde neste formulario, antes do 28 de marzo.
O Carballo Interplay mantén a súa programación profesional cunha xornada dividida en dúas partes: dende as 10h ata as 14h haberá presentacións e debates e pola tarde, ás 17h, establecerase un punto de encontro para que creadoras/es, empresas productoras e plataformas de podcast de Galicia e de España contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras.
Abrirán as conversas Jesús Blanquiño, xefe de proxectos de Podium Podcast, Marta Salicrú, directora de Radio Primavera Sound, e Tania Fernández Lombao, xefa do Servizo de Xestión Operativa de Programas de Radio Galega, falando do aumento de consumo de podcast en España e o seu papel como referencia a nivel mundial na escoita de contidos, sendo ouvinte habitual de podcast un de cada tres españois. Nesta mesa redonda intentarán dar resposta a cales son as claves para comprar un produto sonoro e predicir o seu éxito ou non no panel A profesionalización do podcast.
Posteriormente, Ana Garriga e Carmen Urbita, produtoras do podcast Las hijas de Felipe, Manuel Bartual, director, escritor e guionista detrás dos podcast Biotopía e Santuario, e Carmen Pacheco, creadora e guionista tamén de Santuario, falarán sobre as posibilidades do novo formato de contidos sonoros como nova forma de difusión e narración no panel Novas formas de contar. Da ficción sonora á divulgación. Ademais, o propio Manuel Bartual ofrecerá no marco desta edición do festival o obradoiro Escribamos ficción sonora, no que amosará o proceso de creación dos seus podcasts e analizará cos asistentes a esta formación como abordar e desenvolver en formato audio unha ficción cos medios que habitualmente a xente ten ao seu alcance.
A continuación, o festival abandonará “momentaneamente” o eido do estritamente sonoro para falar da industria dos festivais que xiran en torno á cultura popular e dixital. Para iso estarán Edgar Riu, Maria Farràs, Clara Duch e Lucia Calvo (tamén coñecidas como Filles d´Internet) por parte do Memefest, unha cita cultural desenfadada e catártica para pensar e rir a creación humorística en redes; Borja Crespo dende Tracking Bilbao, un festival que conta con profesionais especializados, exemplos afianzados e novos talentos; e Betu Martínez e Victor Sala de Serielizados, un evento anual sobre ficción e series organizado pola revista Serielizados e xa consolidado no panorama cultural catalán e español. Analizarán o panorama actual, así coma a procura de novas tendencias de entretemento e consumo cultural no panel Festivais adicados á cultura popular, dixital e series.
A última hora da mañá, celebrarase encontro CREA feat Podgalego. A presencia das narracións sonoras, tanto no eido do documental coma no da ficción, son unha realidade cada vez maior. CREA e Podgalego xúntanse na Zona Pro para falar sobre a importancia do traballo sonoro na arte e reflexionar sobre a importancia do son e a imaxe nunha conversa con diferentes profesionais da palabra e da música.
Finalmente, ás 17h, comenzará o Encontro PRO no que quen o desexe poderá presentar os seus proxectos a produtoras de podcast como Podium Podcast, Radio Primavera Sound e Radio Galega Podcast. As persoas interesadas en participar neste espazo de encontro pódense inscribir de xeito gratuíto a través dun formulario en liña, antes do 28 de marzo.
O obxectivo do Carballo Interplay é “fomentar a conexión entre creadores, creadoras e produtoras abrindo espazos de diálogo onde poder coñecerse de xeito distendido e construír futuras alianzas ou ver nacer novos proxectos”. Neste encontro participarán produtoras galegas e españolas e tamén creadores e creadoras que teñan algún proxecto e estean na procura de feedback ou de prodcción.

PUBLICIDADE