Cancións e poemas na entrega de premios de Lingua de Amor

luns, 28 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Finalmente fíxose entrega do certame galego dirixido a promover o galego a través das novas feituras de comunicación, máis polo miúdo o tipo de galego que se emprega precisamente para estreitar calquera canle ou espazo de comunicación. Falamos do certame Lingua de Amor, concurso que chegou este ano á súa cuarta edición e que pechou o sábado 26 de xuño un novo capítulo da súa historia coa cerimonia de entrega de premios. A entrega de galardóns desta convocatoria, que recoñeceu unha máis a creatividade de escritoras/es e cantautoras/es da nosa terra, desenvolveuse na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, a partir das 12.00 horas. No seu transcurso, as gañadoras e gañadores leron cadansúas declaracións feitas para o certame e interpretaron cancións en directo.
Cómpre sinalar que o concurso está organizado polo Consello da Xuventude de Galicia (CXG) e que se dirixe (como dixemos) a promover a lingua entre a mocidade pero tamén a impulsar o emprego das novas canles de comunicación como canles perfectamente válidas para o uso do noso idioma.
O xurado estivo integrado por Dolores Vilavedra, crítica literaria; Manuel Gago, director de culturagalega.org; Francisco Alvarellos, da produtora A Casa de Música, e Yolanda Fernández e Nancy Domínguez, técnicas do CXG.
A finalidade da iniciativa é promover o uso da nosa lingua entre a mocidade, e máis polo miúdo entre a mocidade que fai uso das novas canles de lecer.
Nesta edición de Lingua de Amor recoñecéronse as obras de Uxía Pérez (primeiro premio na modalidade de 14 a 19 anos), de Hugo Eiroá (segundo premio desta categoría), de Jessica Amado (terceiro), Alcira Otero (primeiro premio na categoría de 20 a 35 anos), Antonio Iglesias (segundo desta modalidade) Carme Otero (terceiro). Na sección Cancións de Amor, impúxose Pablo González con Para beber auga e viño, ao que podemos ver na imaxe interpretando o devandito tema.

PUBLICIDADE