Campus galegos recollen móbiles en desuso para protexer os ecosistemas africanos

xoves, 11 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

Quen nolo ía dicir, vendo imaxes e informacións coma esta, que a tecnoloxía tamén ía servir para coidar do medio ambiente? Pois así parece ser, sempre e cando se canalice a súa explotación e aproveitamento como é debido. A tenor do que se conta estes días na web da Universidade de Vigo, hai unha tecnoloxía de comunicación ben concreta que pode contribuír á preservación dos ecosistemas africanos. Trátase dos teléfonos móbiles. A pregunta que nos podemos facer é: como pode ser isto de xeito directo? Pois é certo, de maneira directa, por exemplo dispoñendo teléfonos no propio ecosistema, sería ben difícil, e máis tendo en conta a cantidade de sustancias nocivas ás que dá acubillo. Pero a cousa cambia se ampliamos o punto de vista. A isto convídanos a Oficina de Medio Ambiente da Universidade, para quen está claro que a recollida de teléfonos en desuso pode compensar na sociedade avanzada a demanda de compoñentes como o coltán, un elemento que se extrae da natureza (igual có petróleo e os diamantes) e que ten especial presenza en países como a República Democrática do Congo.
Deste xeito, favorecendo a reciclaxe do dito compoñente para novos aparellos tecnolóxicos estariamos a darlle un respiro á sobreexplotación indiscriminada dos países africanos na procura do coltán, un proceso que vai camiño de arrasar importantes espazos naturais.
Segundo conta a Oficina, que colabora nunha campaña para a recollida destes trebellos co Instituto Jane Goodall (organización dirixida á preservación dos ecosistemas do dito continente), tan só en España están rexistrados 54 millóns de liñas de telefonía móbil, o que implica unha media de máis dunha liña por persoa, e ao que hai que engadir aqueles móbiles en desuso que todos temos e que son o obxectivo desta campaña solidaria. Así, baixo o epígrafe Mobilízate pola selva, a Oficina convida a tódolos usuarios galegos a achegar os seus aparellos nos colectores específicos habilitados nos tres campus (Vigo, Ourense e Pontevedra), sendo o obxectivo fundamental a reciclaxe das súas pezas (polo que sería secundario se funcionasen ou non). Con estas contribucións, as persoas que colaboren na iniciativa estarían a colaborar cos programas de conservacións levados a cabo en Congo polo devandito Instituto Jane Goodall, “como campañas de educación, de desenvolvemento sostible e de mantemento do Centro de rescate de chimpancés de Tchimpounga, pertencente ao instituto que leva o nome da conservacionista”.
Para quen queira fornecer á entidade co seu trebello en desuso, informar que xa se pode facer a partir de hoxe e até finais do mes de xullo, no Campus de Pontevedra a través dos colectores situados na Facultade de Belas Artes e logo na EU de Enxeñería Técnica Forestal; no Campus de Ourense na Facultade de Ciencias e no de Vigo a través dun recipiente itinerante que percorrerá tódalas facultades. Arestora están dispoñibles xa os de Belas Artes e Ciencias e en Vigo na Facultade de Filoloxía e Tradución.

PUBLICIDADE