Cameo quere facerse un oco no mercado español

martes, 8 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Nas últimas horas son bastantes os medios de comunicación que están a dar conta do desembarco de Cameo en España, aínda que na práctica hai bastante tempo que xa están activos no noso territorio, polo que podemos entender que estamos ante unha campaña para dar a coñecer esta plataforma que incluso conta xa con clons locais como Cleb.
Este tipo de páxinas web ofrecen a posibilidade de encargar vídeos personalizados a celebridades de distintos ámbitos (cine, televisión, música, redes sociais, deporte...) a cambio dunha cota que pode ir aos petos dos artistas ou a algunha entidade benéfica da súa elección. Temos así que pedir un saúdo de Alaska, de Pocholo ou de Chenoa custa 83 euros, de Pau Gasol custaría 261 euros, e se recorremos a estrelas internacionais podemos atopar a Mike Tyson pedindo 17.400 euros por un vídeo, ao rapeiro Ice T cobrando 392 euros por saúdo, ou ao actor Don Johnson cobran 435 euros por vídeo. Cameo tamén ofrece a posibilidade de gravar vídeos para empresas e conta tamén con eventos en directo para que poidan sumarse a interactuar varias persoas á vez con algunha celebridade.
Polo momento o catálogo español de Cameo é moi limitado, especialmente se comparamos o servizo con Cleb, pero é de esperar que mellore en breve xa que as celebridades non teñen exclusividade, polo que poden estar en varias plataformas deste tipo sen maior problema.

PUBLICIDADE