Cambre lanza un escaparate dixital para impulsar e facilitar as vendas locais este Nadal

mércores, 22 de decembro do 2021 S. P.

Os días pasados o Concello de Cambre presentou unha aplicación para intensificar entre a cidadanía a aposta polo comercio local nestas datas sinaladas. Estamos a falar de Disfruta Cambre, un escaparate dixital destinado a impulsar a Campaña de Nadal e permitir á cidadanía xestionar os bonos distribuídos na dita campaña. A app foi dada a coñecer polo alcalde, Óscar García Patiño, e o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, aos que se sumaron dous representantes da empresa Wapping, adxudicataria do deseño e posta en marcha de Disfruta Cambre.
A ferramenta está activa dende o 11 de decembro. Con ela, as persoas usuarias poden non só consultar os establecementos adheridos na iniciativa municipal, senón tamén escanear, activar, desactivar e empregar un bono. O rexedor sinalou que esta novidade segue o ronsel de éxito doutras iniciativas previas do Goberno local, coas que se buscaba alcanzar obxectivos semellantes: “Amais do Decidámolo Xuntos, hai menos de medio ano púxose en marcha un novo sistema de cita previa telemática e unha nova canle de WhatsApp que están tendo unha grande aceptación cidadá”.
Pola súa banda, Alcantarilla destacou que outra das premisas que se consegue con esta nova app é “a dixitalización do sector comercial, algo no que levamos traballando desde o inicio da pandemia da COVID-19 con medidas como a implantación do plan de formación Cambre Dixital Empresas e Emprego”. O concelleiro destacou que se trata dunha aplicación “intuitiva, de fácil manexo e que axilizará, ademais, todas as tramitacións que os comercios teñen que realizar unha vez remate a campaña”.
Segundo engadiron, por medio de Disfruta Cambre os usuarios e usuarias terán acceso a unha relación dos locais participantes na campaña de rasca e gaña do Concello. Por outra banda, as persoas que realicen unha compra nalgún destes negocios e reciban un bono poderán escanear o código QR e saber, “a golpe de clic”, se teñen premio. Esta ferramenta posibilitaralles, non só activar e desactivar cada bono, senón tamén trocalo, “funcionando a aplicación como unha especie de moedeiro dixital”. En función do importe, as persoas participantes poderán decidir cando gastalo. No caso dos bonos de 5, 10, 20 e 50 euros, o premio deberá consumirse no propio local no que se recibiu o mesmo. A partir dos 50 euros, o consumidor poderá repartir a cantidade entre diferentes negocios. No caso dos premios directos, as persoas agraciadas deberán achegarse á Axencia de Desenvolvemento Local do Concello. En total, o Concello repartirá 818 premios (673 para trocar nos propios negocios e 145 con premios directos) valorados en 20.000 euros.
Ata a data, a medida conta con preto de 80 comercios adheridos e xeráronse uns 35.000 euros en vendas. Porén, o Concello explicou que “a campaña segue dispoñíbel para aquelas marcas e compañías que queiran sumarse”.

PUBLICIDADE