Cambio traballos de pintura por curso de polaco: medran na Rede (e na vida real) os recursos de troco

mércores, 20 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Hoxe toca falar de troco. O troco, para comezar, vai en contra da lóxica actual do consumo. En contra das luces de Nadal e do consumo de luz que paga toda a sociedade (crea ou non no espírito consumista do Nadal), en contra dun Papá Noël dando voltas por un centro comercial, en contra do Ikea, en contra do Carrefour, de El Corte Inglés e dos programas de televisión pagados por publicidade. Ou, se cadra, non vai en contra de nada diso, senón que vai ó seu aire. Un aire de balde. Defende o valor do intercambio de obxectos e servizos e xa está.
O caso é que todos tendemos a ser semellantes abondo se practicamos o troco, como ben sinala o colectivo galego Verdegaia (que vén de organizar por certo un mercadiño do troco na praza de Cervantes de Santiago) na súa web www.verdegaia.org ou mesmo a psicóloga Heidemarie Schwermer, quen renunciou ó emprego de cartos hai uns sete anos e leva dende aquela amosándolle ó mundo enteiro o feliz que é dende que se quitou de enriba a don diñeiro.

Intercambio de obxectos nas rúas de Berlín

Mais volvamos a Verdegaia, que estivo hai uns días na antiga praza compostelá onde se levaba a cabo o comercio do pan defendendo a idea de pórnos a todos á mesma altura polo que somos e non polo temos na conta bancaria: “Falamos dun sistema de mercado no que se ten en conta o valor das cousas, non o seu prezo en moeda, e que diminúe as diferenzas sociais á hora de consumir”, comenta este colectivo no seu espazo web, onde tamén se reivindica o emprego da bicicleta no canto do uso compulsivo dos automóbiles, ou a defensa de árbores autóctonas no canto da plantación de eucaliptos. Verdegaia convidou ós veciños de Compostela a traer dos seus fogares todo aquilo que ficase esquecido nos andeis e nos armarios e puidera ser intercambiado por outros obxectos: libros, discos, roupa en bo estado ou ferramentas. O abano era ben amplo e a experiencia, para ser unha das primeiras tomas de contacto, foi moi positiva. O colectivo Verdegaia, de seguir con esta teima do intercambio, é posible que comece a sentar os alicerces en cidades, vilas e barrios de Galiza para a aparición de agrupacións de veciños semellantes á rede LETS de Barcelona ou El Trueque de Madrid, que levan anos traballando baixo o seguinte lema: cada un ofrece o que pode e o que quere facer. En base a isto, a este espírito de axuda mutua, pódese intercambiar un curso en deseño de páxinas web por outro de francés, ou unha sesión de pintura de paredes por outra de zurcido de calcetíns.
Máis ou menos polas datas en que a páxina web da asociación Verdegaia informaba destes acontecementos, soubemos da existencia dunhas tendas en Alemaña que, malia non reivindicar a experiencia do troco en si mesma, si que se poden situar nesta liña ideolóxica a contrapelo da industria e o seu brazo dereito, a publicidade intensiva, que conseguen que empreguemos os cartos que recibimos polo noso traballo en obxectos que só consideramos importantes por unhas horas. Falamos das tendas Umsonst Laden (que podemos visitar virtualmente en www.unsonstladen.info) e que, de tan raras que son nun mundo en que todo (até nós) leva prezo e código de barras, semellan case unha gran broma. Mais todo apunta a que estes establecementos -onde todo é de balde- son reais e que están feitos para durar no tempo. De feito, algunha destas tendas xa leva aberta dende principios da década dos noventa, malia que foi a principios deste século no que vivimos cando afianzaron as súas raizames e se espallaron en Alemaña. Funcionan de xeito simple, ofrecendo todo tipo de obxectos (roupa, libros, música, xoguetes) gratis. Só se lles pide ós futuros portadores destes materiais unha condición: que lles dean uso. Polo demais, poderán levar de alí o que lles pete. E, ademais, os clientes (pero debemos seguir falando de “clientes”?) terán a seguridade de moverse por un establecemento ben singular onde sería practicamente imposible que se cometese un atraco. Con que finalidade? A pregunta que nos podemos facer agora é a seguinte: de onde sacan estas tendas todo o material para distribuílo entre os veciños? A resposta está nas doazóns, no propio intercambio e, tamén, no aproveitamento de todo aquilo que a xente que máis ten xa non precisa e, en base a esta crenza persoal, imaxinan que non precisa ninguén. Baséanse polo tanto en darlle un xiro a esa práctica xeralizada de tiralo todo ó lixo. É dicir: nas Umsonst Laden, unha boa parte dos obxectos van dos colectores ós andeis.

Exemplos na Internet

Non deixa de ser curioso como a práctica do troco, que debe ser tan vella como o intre mesmo en que se cruzaron por vez primeira e nun mesmo vieiro dous seres humanos (seres humanos con cadanseu obxecto intercambiable e con mamuts peludos ó fondo), estea atopando agora unha importante repercusión nun medio tan afastado no tempo e no espazo destes dous personaxes cos que abrimos este parágrafo: Internet. Mais non hai dúbida de que a Rede ten todo o que hai que ter para favorecer o troco, polo que lle acae tan ben coma uns calcetíns grosos en inverno: inmediatez, máis posibilidades de comunicación, liberdade, meirandes opcións de atopar destinatarios de obxectos, etc.
Temos entre mans algúns exemplos. Un dos máis novos é QuieroCambiarlo.com, unha web en castelán que, se ben non ten moito fondo polo de agora, promete algúns logros importantes a nivel virtual, e real. Neste servizo é posible intercambiar todo tipo de obxectos e servizos: casa e fogar (agricultura, decoración, bricolaxe), coleccionismo (obras de arte, libros, selos, discos), ensinanza (material escolar, cursos, formación), motor (accesorios, pezas, vehículos) ou xogos e xoguetes (coches en miniatura, xogos de mesa, bonecas, peluches). A páxina inclúe buscador, ferramentas de xestión e consellos para axudarnos a non ser vítimas de fraudes por parte doutros usuarios.
Pero sigamos cos exemplos. En Código temos certa predilección por Sindinero.org, web da que xa falamos no anterior número en papel. O seu obxectivo é este: rexistrar datos sobre actividades culturais ou formativas de baixo prezo ou de balde que hai en Internet e aglutinalo todo nun único taboleiro, que é o que constitúe precisamente Sindinero. En realidade, o nome da web xa fala por si soa: falamos dunha ferramenta que nos axuda a vivir ó noso aire e, sobre todo a respiralo sen ter que preocuparnos de que alguén nolo cobre. Ou sexa: que achega información de valor sobre novos xeitos de gozar a cultura que non hipotequen as nosas economías. Nesta web hai un importante apartado para o troco.
Asemade, Internet conta coa presenza de www.acambiode.com, que segue un pouco a liña das experiencias devanditas pero achegando un punto de vista máis empresarial ou, por así dicilo, máis orientado a internautas que procuran medios de vida. En realidade, é un directorio de empresas e profesionais autónomos na procura de oportunidades para o troco comercial. Baséase no factor “comodidade”, xa que os seus responsables sinalan que é unha das principais características do sistema do intercambio de servizos e tarefas. Dito doutra maneira: o intercambio céibanos da obriga de posuír algo que se cadra non temos, o diñeiro. Na web favorécese o acordo de compra-venda entre dúas empresas ou dous profesionais, “coas mesmas características ca na compra-venda tradicional”. As vantaxes semellan evidentes, sobre todo no que se refire ó aforro de cartos: “Poderás obter material de oficina, viaxes, agasallos de empresa, publicidade ou mesmo servizos de asesoría sen que iso afecte á túa liquidez”, sinala a web. Ademais, é posible acadar novos clientes ou provedores sen que iso traia consecuencias ás relacións actuais coa restante carteira de clientes ou provedores.

PUBLICIDADE