Calquera usuario de Google+ poderá compartir as súas quedadas en vídeo con todo o mundo

luns, 7 de maio do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos meses Google estivo a probar a súa tecnoloxía de Hangouts (antes coñecidas como quedadas) de xeito que solución de videoconferencias grupais de ata 10 participantes permitía o seu seguimento en directo coma se fose unha entrevista televisiva, permitindo incluso a súa gravación en YouTube para poder visualizar as retransmisións en diferido. Agora, esta prometedora tecnoloxía comeza a súa adopción progresiva para todos os usuarios de Google+, de xeito que nos vindeiros días poderemos establecer Hangouts en directo para que as nosas quedadas en vídeo poidan seguirse incluso na nosa canle de YouTube ou incrustadas na nosa páxina web, podendo coñecerse o número de espectadores en directo e gravar o evento para a súa compartición logo en YouTube e na publicación orixinal en Google+.
Esta tecnoloxía podería servir para retransmitir vídeo en directo a través da Internet, pero dende Google matizan que non queren que os Hangouts en directo sexan unha alternativa a YouTube Live, senón que buscan que sexa unha tecnoloxía complementaria cunha orientación máis social, de xeito que en YouTube Live poderiamos ver un concerto, e a través dos Hangouts en directo poderiamos comentalo incluso cos propios intérpretes.


Explicación en vídeo sobre como facer un Hangout en directo

PUBLICIDADE