Caixanova lanza en Internet unha canle propia a través de YouTube

luns, 5 de novembro do 2007 Raquel Noya

Empregando as posibilidades que achega o portal de vídeos na Rede, YouTube, a entidade financeira galega Caixanova vén de lanzar en Internet unha canle propia con contidos de CXN TV na que irá introducindo os mesmos contidos que xa se poden ver nas pantallas que a caixa de aforros ten habilitadas nas súas oficinas e principais edificios, así como outros creados especificamente para esta canle.
Este proceso deu comezo o pasado mes de maio coa instalación de pantallas de televisión e outros soportes interactivos nas oficinas da rede e principais edificios para emitir contidos corporativos e de lecer como medio de comunicación cos clientes e usuarios. A partires de agora, estes contidos tamén poderán visionarse en Internet a través de YouTube, continuando coa planificación establecida de presenza en diferentes canles.
A seguinte fase contempla a posta en marcha de Caixanova TV a través de conexións de banda ancha sobre o protocolo IP; deste xeito, a diferenza da situación da televisión actual, o usuario poderá escoller en calquera momento os contidos que desexe visualizar.

PUBLICIDADE