Caixanova financia sen intereses a renovación tecnolóxica das empresas galegas

xoves, 18 de outubro do 2007 Raquel Noya

O portal www.renovaciontecnologica.com, dependente de Caixanova, deu estes días a coñecer un novo xeito -propio de seu- de achegar ás empresas (pequenas e medias) e ós profesionais galegos á Sociedade da Información ofrecendo asesoramento completo e financiamento sen intereses nin comisións para todo o relacionado coa implantación das TIC.
Segundo informa a entidade bancaria galega, grazas a estas axudas, os empresarios e profesionais galegos poderán -entre outras cousas, adquirir ordenadores, implantar todo tipo de software empresarial ou realizar cursos formativos en novas tecnoloxías sen ter “que renunciar á calidade do produto e pagando comodamente os prazos a interese cero”.
O empresario interesado tan só ten que explicar na web da entidade o que precisa. Renovación Tecnolóxica busca os provedores, escolle as mellores ofertas e entrégallas ó solicitante para que tome a decisión final. No caso de aceptar a compra, o empresario recibe o dito financiamento sen intereses. O tempo transcorrido entre a petición da peme e a resposta á súa demanda varía en función da súa complexidade, pero en calquera caso non superará as tres semanas, resolvéndose en moitos casos en só tres días, segundo apunta a entidade galega.
Esta iniciativa de Caixanova pretende impulsar o Plan Avanza en Galicia, un proxecto impulsado polo Goberno que ten como finalidade que España acade a media europea nos indicadores da sociedade da información.

PUBLICIDADE