Caixanova e Ineo presentan os resultados da súa iniciativa de implantación TIC no comercio

venres, 26 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

A Fundación Caixanova e a Asociación Ineo presentaron hoxe en Vigo os resultados do proxecto Comercio TEC e máis as boas prácticas derivadas da experiencia piloto levada a cabo ao abeiro da dita iniciativa nos comercios galegos. O acto, que se desenvolveu no Centro Social da entidade financeira, contou coa presenza activa de María Nava Castro, directora xeral de Comercio, quen fixo fincapé nas vantaxes de poñer as tecnoloxías da información o máis preto posible deste tecido produtivo galego, precisamente un dos obxectivos de Comercio TEC. Máis polo miúdo, e segundo explicaron os asistentes ao acto, trátase dunha iniciativa da Fundación Caixanova en colaboración con Ineo que xorde de diversos estudos levados a cabo pola caixa galega co obxectivo de tomarlle o pulso ao devandito sector produtivo, tratando de localizar as súas necesidades e carencias TIC máis salientables.
O programa diríxese polo tanto a facer fronte a algúns dos atrancos detectados grazas ao estudo, como por exemplo “a escasa concienciación da necesidade de acceso e as oportunidades que achega a Sociedade da Información, amais do déficit nas infraestruturas básicas de acceso á Rede en comparación coa media de Europa das empresas do sector do comercio en Galicia”.
O proxecto, apoiado polos fondos europeos FEDER e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), foi deseñado en dúas fases, a primeira delas centrada na análise das necesidades concretas das empresas do sector a través dunha enquisa efectuada a máis de 100 comercios e varias mesas de traballo. Os resultados, sinalan os autores do estudo, permitiron desenvolver un modelo ideal de aplicación de canles dixitais.
Polo que atinxe á segunda fase, dicir que este modelo ideal foi finalmente implantando nunha proba piloto na que participaron sete firmas de Galicia coa finalidade de probar e de mellorar coas súas demandas as ferramentas e solucións tecnolóxicas deseñadas. Amais disto, púxose a disposición de tódalas empresas interesadas na web da iniciativa unha ferramenta de autodiagnóstico que posibilita unha análise doada das necesidades TIC de cada empresa, obtendo logo as solucións tecnolóxico-dixitais do mercado que mellor lle acaian ás súas demandas específicas.

PUBLICIDADE