Caixanova distribuirá de balde 6.000 CDs co seu novo Atlas Socioconómico de Galicia

xoves, 20 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

A nova edición do Atlas Socieconómico que vén de publicar Caixanova incorpora unha serie de engadidos virtuais. Ou sexa: por unha banda temos o Atlas en si mesmo e en papel (incluíndo a maiores 15 mapas da nosa terra cos que podemos esculcar nas variantes entre uns concellos e outros en materia de paro, renda por cidadán ou envellecemento) e, pola outra, o mesmo traballo en formato dixital. Cómpre sinalar que este fica xa dispoñible a través dos CDs que serán distribuídos de xeito gratuíto e, tamén, vai estar no sitio web do Instituto de Desarrollo Caixanova, onde xa podemos ver as versións anteriores do Atlas.
Para a nova edición deste traballo duplo presentado por Caixanova (na imaxe, o acto de presentación oficial), a entidade galega vén de editar 3.000 exemplares en papel e 6.000 en CD. Como dixemos, o obxectivo é achegalos de balde ás principais institucións e a quen o solicite a través das sucursais da compañía, na web do dito Instituto ou no número de teléfono 902 167 300. Sinalar que na elaboración deste traballo tamén colaboraron Sondaxe e a Universidade Autónoma de Madrid.

PUBLICIDADE