Caixanova convoca un amplo programa de cursos de novas tecnoloxías en Compostela

martes, 6 de abril do 2010 Raquel Noya

A Área de Novas Tecnoloxías de Caixanova, encargada de difundir as TIC na sociedade en xeral e entre os seus clientes en particular, vai iniciar proximamente as súas actividades de formación en novas tecnoloxías no Centro Social que a entidade financieira ten habilitado en Santiago de Compostela, un centro do que falamos con motivo da súa creación en Código Cero e que tén como finalidade dinamizar o corazón da cidade antiga e potenciar as canles dixitais entre a poboación compostelá.
Para isto, a entidade elaborou un amplo programa de cursos que comezarán a mediados deste mes de abril, e que se prolongarán ata o mes de xullo.
A oferta formativa inclúe cursos multimedia de fotografía dixital, retoque fotográfico e edición básica de vídeo, ademais de tres seminarios, eminentemente prácticos, dirixidos a profesionais da fotografía, nos que se abordarán as técnicas básicas de iluminación, a iluminación de retratos e a iluminación de produtos.
Asemade, no programa destacan os Obradoiros tecnolóxicos senior, que teñen como finalidade achegar as novas tecnoloxías ao colectivo de xente maior do noso país.
As persoas interesadas en asistir a calquera destas actividades formativas xa poden realizar a súa inscrición a través da web www.servinova.com ou por teléfono a través do 902 504 500 ata completar o número de prazas previstas.
Asemade, a mesma entidade vén de convocar a primeira edición dos Mércores Tecnolóxicos, en Santiago de Compostela, un obradoiro de balde de dúas horas de duración que se celebrará tódalas semanas e que busca formar, dar solucións e cubrir as necesidades que poidan ter os distintos tipos de usuarios, independentemente dos seus coñecementos informáticos.
Neste caso a matrícula é de balde e debe realizarse enchendo un formulario de inscrición dispoñible na web da Obra Social Caixanova ou chamando ao 986 120 083. Os obradoiros levaranse a cabo no Centro Social Caixanova da Praza de Cervantes todos os mércores entre o 14 de abril e o 7 de xullo, en horario de 17:30 a 19:30 horas.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

CURSOS MULTIMEDIA


- Fotografía Dixital I (10 horas)

- Fotografía Dixital II (10 horas)

- Retoque Fotográfico I (10 horas)

- Retoque Fotográfico II (20 horas)

- Edición Básica de Video (10 horas)


OBRADOIROS DE FOTOGRAFÍA PARA PROFESIONAIS


- Técnicas básicas de iluminación (12 horas)

- Iluminación de retratos (8 horas)

- Iluminación de producto (8 horas)


OBRADOIROS TECNOLÓXICOS SENIOR


- Procesador de textos E correo electrónico (8 horas)

- Fotos E videos online (8 horas)

- Comunicarse a través de internet (8 horas)

- Redes sociais (8 horas)

- Crear un espazo propio en Internet (8 horas)


MÉRCOLES TECNOLÓXICOS


- Como organizar os teus arquivos e carpetas nun ordenador?

- Como organizar as túas imaxes dixitais?

- Buscar, descargar e instalar programas

- Creación e organización dunha conta de correo electrónico

- Redes sociais en Internet

- Comparte os teus vídeos en Youtube

- Facebook “Comunicar e compartir na Rede”

- Búsqueda de emprego en Internet utilizando os servizos de Infojobs

- Crear un blog de balde con Blogger

- Compra e vende de forma segura a través de eBay

- Fala gratis con outras persoas utilizando Internet

- Aplicacións prácticas de Google Maps

- Crear un catálogo de libros en Internet

PUBLICIDADE