CaixaBank crea un novo modelo bancario no que só se pode operar con apps

venres, 15 de xaneiro do 2016 Redacción

Isidro Fainé e Gonzalo Cortázar na presentación do novo banco dixital

CaixaBank (La Caixa) vén de presentar un servizo bancario específico para ser operado dende o móbil. Trátase de ImaginBank, un novo modelo cualificado pola entidade como mobile only e que interactúa co usuario mediante aplicacións. O novo banco, que sae ao mercado cunha oferta de servizo en comisións, fornece o que decote achegan as bancas tradicionais (conta corrente, cartón, préstamos ao consumo, ferramentas de xestión das finanzas persoais) pero baixo a filosofía da mobilidade. Segundo CaixaBank, estamos perante “o primeiro banco do mundo no que a operativa realízase de maneira exclusiva a través de apps e redes sociais”.
A entidade, presidida por Isidro Fainé e cuxo conselleiro delegado é Gonzalo Gortázar, creou “un novo modelo de servizo completamente dixital”, baseado nas vantaxes xurdidas da Sociedade da Información e da “alta penetración dos dispositivos intelixentes” e as comunicacións 2.0. Por este motivo, o novo servizo vai dirixido sobre todo á mocidade. Segundo sinalan Fainé e Cortázar, “o servizo ImaginBank pon en xogo unha transformación completa da proposta de valor da entidade financeira, por ser o usuario, agora, “quen xestiona as súas finanzas de maneira autónoma, axudado por ferramentas tecnolóxicas intelixentes que facilitan un seguimento continuo da súa economía persoal”.
Isidro Fainé, presidente do Grupo La Caixa, salientou que “ImaginBank cingue dúas fortalezas da nosa entidade: por unha banda, o liderado en innovación e mobilidade, recoñecido a nivel mundial, e, por outra, a experiencia como banco líder no segmento novo en España; isto permitiunos reflectir no proxecto elementos fundamentais para este perfil de cliente, como a dixitalización, a simplicidade ou a excelencia no servizo ofrecido”.
Lembrar que a día de hoxe CaixaBank conta con 2,9 millóns de clientes con idades entre os 18 e os 35 anos e a cota de mercado neste segmento sitúase no 30%, o que supón que 1 de cada 3 persoas desta franxa de idade en España son clientes da entidade.
Na presentación do novo servizo, o conselleiro delegado de CaixaBank, Gonzalo Gortázar, emprazou o lanzamento de ImaginBank dentro “da aposta por unha nova proposta de servizo totalmente complementaria respecto ao modelo tradicional, que axudará a CaixaBank a manter no tempo a boa parte dos seus actuais clientes novos e tamén a medrar en captación de usuarios”.

PUBLICIDADE