Caixa Galicia lanza a súa Plataforma Electrónica de Xestión de Cobros e Pagamentos para Empresas

martes, 25 de setembro do 2007 Marcus Fernández

José Luis Valiño e José Venegas durante a presentación da nova Plataforma Electrónica

Esta mañá, Álvaro García Diéguez, director adxunto de Innovación e Desenvolvemento de Negocio de Caixa Galicia, e José Venegas, director xeral adxunto de On Caixa, presentaron na Sala de Prensa da Fundación Caixa Galicia en A Coruña a súa nova Plataforma Electrónica de Xestión de Cobros e Pagos que a entidade financeira ofrece ás empresas ás que dá servizo e que lles facilitará especialmente a súa relación coa Administración Pública, xa que a partires de 2008 a presentación de presupostos e da documentación precisa para acceder a subvencións ante a Xunta de Galicia se fará por vía telemática.
Caixa Galicia sería así a primeira entidade galega en proporcionar ós seus clientes corporativos unha plataforma electrónica integral de cobros e pagos baseados en factura electrónica, que incorpora factoring e confirming.
O factoring permite a cesión de facturas a Caixa Galicia, así como o seu financiamento ou cobertura, podendo mesmo encargarse a plataforma do envío da factura ó destinatario, mentres que o confirming permite que calquera provedor do mundo cun cliente con facturas en Caixa Galicia poida financiar o cobro das mesmas (sexa ou non cliente da entidade galega), o que supón unha celeridade nos pagos.
A nova plataforma permite ós clientes almacenar as súas facturas en formato electrónico, o que tamén podería servir para a súa presentación ante a Axencia Tributaria por medios telemáticos, aínda que tamén é conveniente destacar que con esta solución as empresas ven simplificadas as súas xestións de pagamentos e cobros.

PUBLICIDADE