Café Candelas rompe moldes coas súas novas web e tenda en liña
venres, 18 de outubro do 2013
A empresa galega Cafés
Candelas vén de presentar nova
web, unha proposta en liña que non só representa un importante
chimpo innovador con respecto á anterior feitura dixital, senón
tamén con respecto ao que están a facer unha boa parte das empresas
deste sector, o da alimentación, e doutros sectores sobre o papel
máis inclinados á creatividade no deseño. Esta vontade de romper
de xeito radical con propostas previas rastréxase non só a nivel de
imaxe, senón tamén de contidos e de artellamento dos mesmos,
achegándose tamén un xeito de acceder cómodo e doado a toda a
información relativa á empresa con sede en Lugo. A nova web
insírese nun cambio de imaxe integral no seo de Cafés Candelas, que
afectou tamén á renovación da
tenda en liña de seu, presentada o pasado mes de abril.
Segundo informan os
responsábeis da firma, esta renovación estética, de contidos e de
imaxe de marca representa un paso máis na súa aposta por
modernizarse, adaptarse ás tendencias actuais de deseño e de
comunicación e de prepararse para a apertura a novos mercados
internacionais. O proceso iniciado na empresa coincide, por certo,
coa celebración do seu 40 aniversario como firma galega dedicada ao
torrado e comercialización de café no mercado nacional e
internacional. “A nova imaxe está a aplicarse de maneira
progresiva tanto á marca en xeral como ás diferentes liñas de
produto específicas e submarcas que a compañía posúe, como son
Selectum ou Supra, entre outras”, informan os responsábeis da
firma. E engaden, respecto da nova proposta en liña: “A nova web
funcionará como eixo central de toda a presenza online da
compañía, polo que, ademais de incluír información básica sobre
a mesma, aglutinará todos os accesos aos microsites das
distintas marcas que Candelas posúe”. Asemade, explican, entre as
funcionalidades da nova web cómpre salientar a posibilidade que
ofrece aos usuarios de mercar directamente na tenda en liña: “Só
con entrar no apartado Produtos os visitantes poden coñecer
todos os artigos que comercializa Cafés Candelas e acceder cun só
click ao establecemento dixital para adquirilos”.
Como dixemos, houbo un
esforzo importante a nivel de manexabilidade, dándose acubillo a un
completo menú lateral “co que navegar de maneira sinxela”. A
través deste menú accédese a información sobre a empresa; a súa
traxectoria; iniciativas de calidade e innovación; o ritual do café;
variedades e orixes; os beneficios do café ou a historia do café,
entre outras. Ademais, inclúese un receitario para gozar desta
histórica bebida en todas as súas posibilidades; un espazo de
actualidade sobre a compañía e un blog corporativo sobre o café.
A nova web, engaden os
responsábeis do desenvolvemento, dispón tamén dun espazo destacado
para Formación, “xa que Candelas dispón dun centro
específico onde os seus baristas profesionais imparten cursos de
formación, reciclaxe e novos coñecementos aos clientes do sector da
hostalaría; de feito para Candelas a formación é a clave para
garantir a satisfacción dos clientes do sector hostaleiro, xa que
non só é importante que os establecementos ofrezan café de
calidade, senón que coñezan todos os detalles para a súa perfecta
preparación”.