Cádiz acolle o I HackFest destinado á Comunidade OpenDNIe

luns, 23 de maio do 2011 Raquel Noya

Malia que xa leva un tempo implantado e somos moitas as persoas que dispoñemos dun documento de identidade electrónico, o certo é que esta tecnoloxía aínda non acabou de atopar o seu sitio na nosa sociedade, e non se están a aproveitar as súas vantaxes como se debería.
Para isto, a fin de mostrar o desenvolvemento, evolución e funcionalidade dos novos documentos de identificación electrónicos, a Universidade de Cádiz, en colaboración con distintas institucións nacionais como CENATIC ou o INTECO, vai celebrar o primeiro HackFest destinado á Comunidade OpenDNIe, que terá lugar os días 26 e 27 de maio.
O obxectivo deste primeiro encontro, que por certo está aberto a toda a cidadanía, é mostrar as vantaxes do driver aberto e legal do DNI electrónico en España, así como tratar os aspectos técnicos e legais do proxecto, e analizar o futuro das ferramentas de identidade dixital en Europa dende o punto de vista do desenvolvemento de software, marcando o camiño conxunto entre OpenDNIe e o proxecto mundial de OpenSC.
O evento contará, entre outros, coa presenza destacada de Martin Paljak, líder español do proxecto internacional OpenSC e encargado para toda Europa do desenvolvemento de ferramentas e librarías de fontes abertas usadas nas tarxetas criptográficas intelixentes, entre as que está o DNI electrónico español.
As persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente na web habilitada ao efecto por CENATIC, sabendo que o acto terá lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Cádiz.

PUBLICIDADE