Caballero e Silva salientan as oportunidades para as empresas que abre SmartPEME

luns, 7 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Ofrecer formación TIC conectada co presente e co futuro inmediato, de valor. E facelo, ademais, de maneira universal e, ao mesmo tempo, local. Este é un dos grandes obxectivos do programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra, a rede de puntos de coñecemento tecnolóxico-dixital avanzado con sedes en Cambados, Barro, Lalín, A Estrada, Vigo, Ponteareas, O Porriño e a propia Pontevedra. Estes cometidos foron dados a coñecer a semana pasada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e máis polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun almorzo-networking de SmartPEME celebrado no Auditorio do Areal de Vigo e protagonizado por Manel Loureiro.
Na cita, Loureiro amosou (entre outras cousas) como crear unha marca persoal no contexto dixital. A presidenta da Deputación, pola súa banda, anunciou que o 23 de maio a rúa do Príncipe acollerá os proxectos impulsados polos rapaces e rapazas que participan en DepoEmprende na Escola.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que “SmartPEME é unha grande oportunidade para conseguir que as novas dinámicas sociais e económicas se mesturen coas novas tecnoloxías, un mundo que apenas leva 15 anos en marcha, e vainos permitir entender como se ten que producir o modelo 4.0, no que xa estamos, no complexo mundo da empresa e do social”.
Caballero afirmou que “o século XXI estanos abrindo moitas oportunidades a toda a cidadanía, e especialmente nunha cidade como Vigo que vive na economía e debe estar preparada sempre para implantar as novidades e entender por onde van os procesos económicos, sociais, administrativos e territoriais, abríndonos a todo o que ofrece a modernidade”.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE