Cabaleiro avoga por un audiovisual que promove a cultura, o galego e o pluralismo

martes, 26 de outubro do 2010 Raquel Noya

A pasada semana tiña lugar en Forcarei, concretamente no idílico mosteiro de Aciveiro, un foro sobre comunicación, economía e política na Europa da era dixital organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), que tivo como convidados de honra ao director da entidade en Galicia, o profesor e politólogo Xosé Luis Barreiro Rivas, e ao secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, quen se encargou de pechar o encontro tras dúas xornadas de análise e debate.
Neste acto, do que se publicará un libro coas reflexións dos participantes, Cabaleiro repasou as actuacións do departamento autonómico que representa, tales como a aplicación en Galicia da normativa do dividendo dixital (espazo sobrante de frecuencias logo do peche de emisións de televisión analóxica), ou os chamados múltiplex, sinal que agrupa a catro canles.
En canto aos proxectos lexislativos, referiuse reiteradamente “ao compromiso de que a agardada reforma da CRTVG esté lista nesta segunda lexislatura”, neste senso, asegurou ter “un referente que serviu para 25 anos de audiovisual en Galicia e o funcionamento dunha compañía pública da que só se poden dicir cousas positivas”.
Na súa intervención, o secretario xeral engadiu que aposta por “unha lei de consenso, que garanta o desenvolvemento do audiovisual e promocione a cultura, o idioma galego e o pluralismo”.
Cabaleiro concluíu lembrando que a Xunta está a preparar un concurso para novas frecuencias de radio, e que en breve entrará en trámite parlamentario a lei de publicidade institucional.

PUBLICIDADE